Galiñola pequena

A galiñola pequena[2] ou poliña bastarda[3] (Porzana parva) é unha especie de ave gruiforme da familia dos rálidos propia de Eurasia e África. Non se debe confundir con Porzana pusilla. Habita en zonas húmidas que teñan xunqueiras, especialmente nos que os xuncos se mesturan con Typha latifolia e teñan canles. É moi difícil de ver, e é máis fácil escoitar as súas chamadas.[4] Non se recoñecen subespecies.[5]

Galiñola pequena

Femia adulta.
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino:Animalia
Filo:Chordata
Clase:Aves
Orde:Gruiformes
Familia:Rallidae
Xénero:Porzana
Especie:P. parva
Nome binomial
Porzana parva
(Scopoli, 1769)
Distribución de Porzana parva      Área de cría.     Área de migración.     Área de invernada.     Aves errantes (estacionalidade incerta).
Distribución de Porzana parva      Área de cría.     Área de migración.     Área de invernada.     Aves errantes (estacionalidade incerta).

Distribución de Porzana parva     Área de cría.     Área de migración.     Área de invernada.     Aves errantes (estacionalidade incerta).
Sinonimia

Zapornia parva

Descrición

Macho adulto.
Porzana parva

A galiñola pequena mide de 18 a 20 cm de lonxitude.[6] É lixeiramente menor que a galiñola pinta, da que se diferencia por carecer do barrado escuro dos flancos e as pintas das partes inferiores. A galiñola pequena ten o bico curto e recto, de cor amarela e cunha mancha vermella na base. A diferenza doutras especies do seu xénero, a galiñola pequena presenta un notable dimorfismo sexual. O macho ten as partes superiores veteadas en distintos tons de pardos, con algunhas vetas brancas, e coas partes inferiores e a face de cor gris azulada. Parécense aos machos de galiñola anana (P. pusilla), que son algo menores e teñen os flancos barrados e ademais as súas plumas primarias son máis longas e sobresaen máis do seu corpo que na galiñola anana. Ao contrario, a femia ten as partes inferiores beixes e só teñen cor cincenta na face.[4] As femias parécense máis ás P. flaviventer dos trópicos americanos. Os inmaturos de galiñola pequena parécense ás femias mais teñen a face e o peito brancos. Os polos están cubertos por penuxe negra, como é típico nos rálidos.

Taxonomía e etimoloxía

A galiñola pequena ou poliña bastarda clasifícase no xénero Porzana, que pertence á familia Rallidae, unha familia de aves acuáticas e semiacuáticas de tamaño medio, aínda que pequenas en comparación co resto de Gruiformes. Os rálidos adoitan ter a cola curta, patas fortes con dedas longas, plumaxes discretas e o pescozo moito menos longo que o das grúas. Os membros de Porzana caracterízanse por non presentar conspicuos escudos frontais como o resto dos rálidos e ser máis pequenos.

Foi descrita cientificamente polo naturalista tirolés Giovanni Antonio Scopoli en 1769,[7] co nome científico, Rallus parvus.[8] Posteriormente foi trasladada ao xénero Porzana, creado polo zoólogo francés Louis Jean Pierre Vieillot en 1816.[7] Non se recoñecen subespecies de Porzana parva:[9]

Porzana é a latinización do termo veneciano sporzana usado para nomear este tipo de aves, mentres que parva en latín significa 'pequena'.[10] É algo máis grande que a galiñola anana, e o adxectivo "bastarda" débese a que ten características intermedias entre as da galiñola anana (Porzana pusilla) e as da galiñola pinta (Porzana porzana).

Distribución

É unha ave migratoria que cría nas zonas húmidas con extensas xunqueiras e vexetación de ribeira alta de Europa (especialmente no leste) e no oeste de Asia, e desprázase a África e o sueste de Asia para pasar o inverno. Os seus cuarteis invernais africanos son principalmente os lagos espallados polo Sahel e a cunca do Nilo. Na Península Ibérica é rara e obsérvase especialmente durante os seus pasos migratorios. En Galicia é unha ave de paso moi escasa.[2]

Comportamento

Ovo de Porzana parva no MHNT

Buscan alimento sondando co bico na lama ou en augas pouco profundas e tamén peteirando o que ven entre a vexetación. Comen principalmente insectos e pequenos animais acuáticos. Son aves moi esquivas durante a época de cría e é máis probable poder oílas que observalas, e son máis fáciles de ver durante a migración, xa que entón son máis ruidosas e emiten chamadas de tipo kua. Aniña en sitios secos entre os xuncos e adoita poñer entre 4 e 7 ovos.

Notas

Véxase tamén