Galaxy (satélites)

(Redirección desde «Galaxy 8i»)

Galaxy é o nome duns satélites de comunicacións operados inicialmente pola empresa estadounidense Hughes Communications, Inc. Trátase de satélites en órbita xeoestacionaria cuxo primeiro membro foi lanzado en 1983. Aínda que pertencentes a unha mesma empresa e a ter unha mesma función, os satélites Echostar mostran unha variedade de modelos e diversos vehículos para ser postos en órbita.[1]

Lanzamento do satélite Galaxy 8I.

Galaxy 1, 1R, 1R2, 2, 3, 5, 6 e 9

Os primeiros satélites Galaxy usaban o bus HS-376 (tamén denominado BSS-376). Foron lanzados entre 1983 e 1996 e aínda que orixinalmente eran propiedade de Hughes foron transferidos a PanAmSat Corporation en maio de 1997. Tiñan unha masa duns 1200 kg e forma cilíndrica, estabilizábanse mediante xiro e contaban con ata 30 transpondedores de banda C a bordo.[2]

Galaxy 10

O Galaxy 10 usaba o bus HS-601 (ou BSS-601) e estaría estabilizado nos tres eixos. Tería contado con 24 transpondedores en banda C e 24 en banda Ku. Foi lanzado o 27 de agosto de 1998, pero non chegou a órbita polo fallo do foguete lanzador.[3]

Galaxy 11

O Galaxy 11 foi o primeiro en usar o bus HS-702 (ou BSS-702). Foi lanzado o 22 de decembro de 1999 mediante un foguete Ariane 4. Levaba 64 transpondedores a bordo: 24 en banda C e 40 en banda Ku. Tiña unha masa de 4477 kg e estabilizábase nos tres eixos. Os seus paneis solares producían ata 10 kW de potencia, dando servizo a Norteamérica e o Brasil.[4]

Galaxy 12, 14 e 15

Os Galaxy 12, 14 e 15 son construídos pola empresa Orbital e teñen entre 20 e 24 transpondedores en banda C a bordo. Os dous primeiros foron lanzados en 2003 e 2005, mentres que o pedido Galaxy 15 foi modificado para ser construído como outro tipo de satélite.[5]

Galaxy 13 (Horizons 1)

Galaxy 13 usa o bus HS-601 (BSS-601) e foi construído por encargo de PanAmSat e JSAT nunha iniciativa conxunta. Foi lanzado o 30 de setembro de 2003 mediante un foguete Zenit 3SL. Dá cobertura a norteamérica, Porto Rico, Alasca, Hawai e México. Leva a bordo 48 transpondedores, 24 en banda C e 24 en banda Ku.[6]

Galaxy 15

Galaxy 15 usa o bus Star 2 da empresa Orbita. Foi lanzado o 13 de outubro de 2005 mediante un foguete Ariane 5 e leva a bordo transpondedores en banda C e banda L. Ademais proporciona sinais do sistema GPS. En 2010 o satélite deixou de responder aos comandos enviados desde terra, aínda que seguía transmitindo a través dos seus transpondedores. En decembro de 2010, despois de moverse da súa órbita orixinal, as baterías do satélite esgotáronse, os sistemas se reiniciaron e puido retomarse de novo o control.[7]

Galaxy 16 e 18

Ambos levan a bordo 24 transpondedores de banda C e 24 de banda Ku. Os dous usan o bus SSL-1300, estabilízanse nos tres eixos e teñen unha esperanza de vida de 15 anos. Teñen unha masa duns 4640 kg. Galaxy 16 foi lanzado o 18 de xuño de 2006 e Galaxy 18 o 21 de maio de 2008, ambos mediante foguetes Zenit 3SL.[8]

Galaxy 17

Galaxy 17 é o primeiro satélite Galaxy encargado a unha empresa europea, Alcatel Alenia Space. Usa o bus Spacebus 3000B3 e ten 24 transpondedores de banda Ku e 24 de banda C. Cunha masa de 4100 kg, ten unha esperanza de vida de 15 anos e os seus paneis solares poden producir 9,5 kW de potencia. Foi lanzado o 4 de maio de 2007 mediante un Ariane 5.[9]

Galaxy 19

Galaxy 19 foi construído por Space Systems Loral para Intelsat. Orixinalmente denominado Intelsat Americas-9, o seu nome foi cambiado a Galaxy 19. Usa o bus SSL-1300 e ten 28 transpondedores de banda Ku e 24 de banda C. Ten unha masa de 4692 kg, unha esperanza de vida de 13 anos e foi lanzado o 24 de setembro de 2008 mediante un Zenit 3SL.[9]

Galaxy 30

Galaxy 30 usa o bus GEOStar 2 e pertence a Intelsat. Leva a bordo transpondedores de banda Ku, banda C e banda L. Ten unha masa de 3325 kg, unha esperanza de vida de 15 anos e foi lanzado o 15 de agosto de 2020 mediante un foguete Ariane 5.[10]

Galaxy 3C

Galaxy 3C comezou sendo propiedade de PanAmSat para posteriormente pasar a ser de Intelsat. Leva a bordo 53 transpondedores de banda Ku e 24 de banda C. Ten unha masa de 4810 kg, unha esperanza de vida de 15 anos e foi lanzado o 15 de xuño de 2002.[11]

Galaxy 3R (Anik E2R)

Galaxy 3R usa o bus HS-601, comezou sendo propiedade de PanAmSat e logo o foi de Telesat. Leva a bordo 24 transpondedores de banda Ku e 24 de banda C. Ten unha masa de 3069 kg, unha esperanza de vida mínima de 8 anos e foi lanzado o 15 de decembro de 1995 para substituír a Galaxy 3. O satélite sufriu un problema nos seus procesadores que levou a retiralo en xaneiro de 2006.[12]

Galaxy 4 e 7

Galaxy 4 e 7 foron lanzados para dar cobertura total á parte continental dos Estados Unidos e á zona do Caribe mediante sinais en banda C e Ku. Ambos foron lanzados mediante Ariane 4, o Galaxy 4 o 25 de xuño de 1993 e o Galaxy 7 o 28 de outubro de 1992. Ambos usaban o bus HS-601. O Galaxy 4 quedou prematuramente fóra de servizo o 19 de maio de 1998 por un fallo dos seus procesadores. O 13 de xuño de 1998 o Galaxy 7 tivo tamén problemas no seu procesador principal, cambiando ao procesador de apoio automaticamente. Estivo funcionando ata o 22 de novembro de 2000 en que o fallo do segundo procesador deixou o satélite inservible.[13]

Galaxy 4R e 10R

Galaxy 4R e 10R usan o bus HS-601HP, unha variante de alta potencia do bus HS-601. Ambos foron lanzados mediante foguetes Ariane 4, o Galaxy 4R o 19 de abril de 2000 e o Galaxy 10R o 25 de xaneiro dese mesmo ano. Galaxy 4R foi retirado do servizo en abril de 2009.[14]

Galaxy 8i e 8iR

Galaxy 8i e 8iR usan tamén o bus HS-601HP. Galaxy 8iR foi cancelado, mentres que Galaxy 8i foi lanzado mediante un Atlas IIAS o 8 de decembro de 1997. Os seus paneis solares xeran 10 kW de potencia e leva a bordo 32 transpondedores en banda Ku. Foi retirado do servizo en febreiro de 2004.[15]

Galaxy 33 e 34

Os satélites Galaxy 33 e 34 usan o bus GEOStar 3 e ambos foron lanzados a bordo dun Falcon 9 o 8 de outubro de 2022. Levan unicamente transpondedores en banda C e son propiedade de Intelsat. Foron construídos por Northrop Grumman Innovation Systems (anteriormente Orbital ATK) e cada un ten unha masa de 3654 kg, cunha vida prevista de 15 anos.[16]

Galaxy 31, 32, 35 e 36

Son satélites de comunicación exclusivamente en banda C propiedade de Intelsat. Úsanse principalmente para transmisións televisivas. Construídos por Maxar, usan o bus SSL-1300.[17]

Galaxy 37 (Horizon 4)

O Galaxy 37, que leva a bordo a carga útil Horizon 4, funciona en banda C, é propiedade de Intelsat e usa o bus SSL-1300. Foi lanzado o 3 de agosto de 2023 mediante un Falcon 9.[18]

Historial de lanzamentos

Misión[1]Data de lanzamento[1]Foguete lanzador[1]Notas[1]
Galaxy 128 de xuño de 1983Delta 3920 PAM-DÉxito
Galaxy 222 de setembro de 1983Delta 3920 PAM-DÉxito
Galaxy 321 de setembro de 1984Delta 3920 PAM-DÉxito
Galaxy 612 de outubro de 1990Ariane 4Éxito
Galaxy 514 de marzo de 1992Atlas IÉxito
Galaxy 1R22 de agosto de 1992Atlas IFallo do lanzador.
Galaxy 728 de outubro de 1992Ariane 4Éxito
Galaxy 425 de xuño de 1993Ariane 4Éxito
Galaxy 1R219 de febreiro de 1994Delta 7925Éxito
Galaxy 3R15 de decembro de 1995Atlas IIAÉxito
Galaxy 924 de maio de 1996Delta 7925Éxito
Galaxy 8i8 de decembro de 1997Atlas IIASÉxito
Galaxy 1027 de agosto de 1998Delta 8930Fallo do foguete lanzador.
Galaxy 1122 de decembro de 1999Ariane 4Éxito
Galaxy 10R25 de xaneiro de 2000Ariane 4Éxito
Galaxy 4R19 de abril de 2000Ariane 4Éxito
Galaxy 3C15 de xuño de 2002Zenit 3SLÉxito
Galaxy 129 de abril de 2003Ariane 5Éxito
Galaxy 131 de outubro de 2003Zenit 3SLÉxito
Galaxy 1413 de agosto de 2005Soiuz-FG FregaÉxito
Galaxy 1513 de outubro de 2005Ariane 5Éxito
Galaxy 1618 de xuño de 2006Zenit 3SLÉxito
Galaxy 174 de maio de 2007Ariane 5Éxito
Galaxy 1821 de maio de 2008Zenit 3SLÉxito
Galaxy 1924 de setembro de 2008Zenit 3SLÉxito
Galaxy 338 de outubro de 2022Falcon 9Éxito
Galaxy 348 de outubro de 2022Falcon 9Éxito
Galaxy 3112 de novembro de 2022Falcon 9Éxito
Galaxy 3212 de novembro de 2022Falcon 9Éxito
Galaxy 3513 de decembro de 2022Ariane 5Éxito
Galaxy 3613 de decembro de 2022Ariane 5Éxito
Galaxy 373 de agosto de 2023Falcon 9Éxito

Notas

Véxase tamén

Outros artigos