Ferreiriño de cara negra

O ferreiriño de cara negra[2] ou ferreiriño careto[3] (Remiz pendulinus) é unha especie de ave paseriforme da familia Remizidae, que vive principalmente en Eurasia.

Descrición

É un paxaro moi pequeno: mide aproximadamente 10 cm de lonxitude e pesa arredor de 10 g.

Ten cabeza gris con anchas franxas negras, na fronte e ollos, en forma de anteface. O dorso e a cola son marróns. As partes inferiores teñen tons castaños e cremas. O bico é curto e moi bicudo.

As femias teñen o dorso e o peito dun ton máis claro.

Taxonomía e etimoloxía

O nome do xénero, Remiz, é o nome polaco deste paxaro, e pendulinus en latín significa 'colgante', que fai referencia ao seu niño.[4]

A especie foi descrita como Motacilla pendulinus por Linnaeus na súa obra Systema naturae en 1758.[5]

Distribución

O ferreiriño de cara negra europeo é unha ave principalmente migratoria, que cría en Europa central e oriental e o oeste de Asia, ademais das montañas do sur de Europa e Turquía, e desprázase ás rexións mediterráneas e do suroeste de Asia para pasar o inverno.

A área reprodutora desta especie no oeste de Europa experimentou unha expansión durante as décadas de 1980 e 1990.[6] Isto foi acompañado da expansión da área de invernada, chegando ata Marrocos.[7]

Comportamento

Emite un balbuciente e característico zii-ii e un breve trilo.

Alimentación

Aliméntase principalmente de insectos e arañas, aínda que na súa dieta tamén entran algunhas sementes.

Reprodución

Cría en árbores caducifolias, xeralmente nas beiraas de ríos e lagos con moita vexetación, xa que necesita árbores axeitados para construír os seus niños colgantes en forma de ovo ou bolsa, cun túnel de entrada. Para a construción destes usa poliñas finas, fibras (xa sexan animais ou vexetais), arañeiras, sementes plumosas etc.[8]

Pon de 5 a 8 ovos, durante o mes de abril. Os ovos son de cor branca mate. Soamente a femia incuba os ovos. A incubación dura uns 14 días.

Conservación

Niño en Polonia

A especie ten unha ampla área de distribución, estimada en de 1 a 10 millóns de km2, e unha poboación estimada entre 420 000 e 840 000 individuos só en Europa, e hai evidencias de que a poboación está a aumentar. Xa que logo, está avaliada como especie non preocupante pola IUCN.[9]

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

  • ARAGUÉS, A. Información sobre R. pendulinus en el V. del Ebro. Ardeola (1964).
  • ARAGUÉS, A. & J. LUCIENTES. Fauna de Aragón: aves. Guara edit. Zaragoza (1980).
  • ARAÚJO, J. Más datos sobre la nidificación de R. pendulinus en el V. del Tajo. Ardeola (1973).
  • CEBALLOS, P. & F. PURROY. Pájaros de nuestros campos y bosques.ICONA. Madrid (1977).
  • DELIBES, M. Sobre la expansión reciente del pájaro moscón en la P. Ibérica. Ardeola (1978).
  • ELÓSEGUI, J. Navarra: Atlas de aves nidificantes. Caja de Ahorros de Navarra. Pamplona (1985).
  • ROMAN, J., F. ROMÁN, L.M. ANSOLÁ, C. PALMA & R. VENTOSA. Atlas de las aves nidificantes de la provincia de Burgos. Caja de Ahorros del Círculo Católico. Burgos (1996).
  • SEO (ed.). Atlas de las aves nidificantes en Madrid. Agencia de Medio Ambiente. Madrid (1994).

Ligazóns externas