Exército de Liberación de Kosovo

O Exército de Liberación de Kosovo, ELK ou UÇK (siglas en albanés de Ushtria Çlirimtare Kombëtare) foi unha organización terrorista albanokosovar (aínda que houbo países que non a consideraron como tal) que pretendía a independencia de Kosovo de Iugoslavia e, posteriormente, de Serbia na década de 1990.

Emblema do UÇK.

As autoridades iugoslavas consideraban o ELK como un grupo terrorista. Así mesmo, o ELK se encontraba na lista de grupos terroristas da Base de coñecemento do terrorismo elaborada polo Memorial Institute for the Prevention of Terrorism (MIPT) e do Consorcio Nacional para o estudo do terrorismo e respostas ao terrorismo do Departamento de Seguridade Nacional dos Estados Unidos.

A principal figura histórica do UÇK foi Hashim Thaçi, hoxe dedicado á política no Partido Democrático de Kosovo (PDK), quen proclamou a independencia kosovar.[1] Tras os atentados do 11-S, comezaron a aparecer informacións que vinculaban ao UÇK co grupo terrorista xihadista Al Qaeda.[2]

Historia

En febreiro de 1996, o UÇK levou a cabo unha serie de ataques contra obxectivos como estacións de policía, oficinas gobernamentais serbias e civís serbios en Kosovo occidental.[3] As autoridades serbias denunciárono como unha organización terrorista e incrementaron o número de forzas de seguridade na rexión, o que tivo como efecto contraproducente o de aumentar a credibilidade do nacente UÇK entre a poboación albanokosovar.

A súa campaña contra as forzas de seguridade serbias precipitou unha importante ofensiva militar iugoslava que levou á guerra de Kosovo de 1998-1999. A intervención militar das forzas de seguridade iugoslavas e as milicias serbias en Kosovo produciu un éxodo da poboación albanokosovar e unha crise de refuxiados que provocou a intervención militar da OTAN para deter o que foi amplamente identificado (polos países membros da OTAN, organizacións pro dereitos humanos, a Unión Europea e os medios de comunicación occidentais) como unha campaña de limpeza étnica.[4][5] O conflito chegou ao seu fin cun acordo negociado polo cal as Nacións Unidas tomaron o control provisional da administración e do proceso político de Kosovo.

Voluntarios estranxeiros

O UÇK incluíu nas súas filas a voluntarios estranxeiros procedentes de Suecia, Bélxica, o Reino Unido, Alemaña, os Estados Unidos [6] e Francia.[7] Tamén participaron de 30 a 40 voluntarios da Asociación Internacional de Voluntarios das Forzas Croatas no adestramento das tropas do UÇK.[8]

Apoio internacional

Hashim Thaçi, un dos fundadores do UÇK, e posteriormente primeiro ministro de Kosovo.

En 1996, o semanario británico The European publicou un artigo dun experto francés que afirmaba que

Os servizos de intelixencia civil e militar alemáns estiveron involucrados no adestramento e equipamento dos rebeldes co propósito de cimentar a influencia alemá na área dos Balcáns [...] O xurdimento do ELK en 1996 coincidiu co nomeamento de Hansjoerg Geiger como o novo director do Bundesnachrichtendienst (servizo secreto alemán). [...] Os homes do Bundesnachrichtendienst estaban a cargo de seleccionar recrutas para a estrutura de mando do ELK de 500.000 kosovares en Albania.[9]

O ex conselleiro do parlamento alemán Matthias Küntzel intentou probar despois que a diplomacia secreta alemá fora un instrumento de axuda ao UÇK desde a súa creación.[10]

James Bissett, que fora embaixador do Canadá en Iugoslavia, Bulgaria e Albania e que abandonou o seu traballo diplomático para traballar nunha organización internacional en Moscova, axudando ao goberno ruso a establecer unha nova axencia de inmigración, escribiu que "xa en 1998, a CIA, axudada polos servizos especiais británicos, estaba armando e adestrando a membros do Exército de Liberación de Kosovo en Albania para fomentar unha rebelión armada en Kosovo [...] A esperanza era que, con Kosovo en chamas, a OTAN podería intervir".[11] Segundo Tim Judah, os representantes do UÇK xa reuniran coas axencias de intelixencia norteamericana, británica e suíza en 1996 e, posibelmente, "varios anos antes".[12] Así mesmo, The Sunday Times publicou que "axentes de intelixencia estadounidenses admitiron que axudaron a adestrar ao Exército de Liberación de Kosovo antes do bombardeo da OTAN a Iugoslavia".[13]

Esta actitude do goberno de Washington recibiu severas críticas, por prestar apoio a un grupo conectado ás redes internacionais do terrorismo islamista.[14]

Financiamento

Durante o conflito kosovar, The Washington Times informou do financiamento das actividades do UÇK a cargo da mafia albanesa, grazas ao tráfico de heroína e cocaína en Europa occidental. Incluso o Departamento de Estado dos Estados Unidos o incluíra na súa lista de organizacións terroristas.[15] Aínda que o seu líder Hashim Thaçi fundou o Partido Democrático de Kosovo, o UÇK seguiu utilizando a violencia e a intimidación de rivais políticos para manter o control da rexión. Isto fíxose co fin de protexer a empresas criminais que dependían da cooperación amistosa das autoridades locais.[16] Tamén a actividade das mafias enviadas a España, destinadas ao roubo en urbanizacións e residenciais de luxo,[17] contribuíu ó financiamento da guerra contra Serbia.[18]

Repercusións da guerra de Kosovo

Despois da guerra, a OTAN e as autoridades serbias firman un acordo de paz que deixaba a Kosovo baixo o protectorado das Nacións Unidas. O UÇK acorda desarmarse, aínda que no firmou os tratados de paz.[19] A OTAN logrou convencer ao UÇK para que se desmilitarizara e participara no proceso de paz, coa promesa de formar o Corpo de Protección de Kosovo (CPK ou TMK en albanés), grupo que traballaría, xunto coas forzas da OTAN, na patrullaxe da provincia.[20] O legado do UÇK segue a ser moi forte no interior de Kosovo. Así, os seus antigos membros desempeñan un importante papel na política kosovar actual. Por exemplo, o seu antigo xefe político Hashim Thaçi é agora o líder do Partido Democrático de Kosovo e primeiro ministro de Kosovo desde xaneiro de 2008.

O antigo comandante militar do UÇK, Agim Çeku, converteuse tamén en primeiro ministro de Kosovo despois da guerra. O seu nomeamento causou controversia en Serbia, pois Belgrado o vía como un criminal de guerra, aínda que nunca foi acusado polo Tribunal da Haia.[21]

Ramush Haradinaj, un antigo comandante do EÇK, exerceu brevemente como primeiro ministro de Kosovo antes de entregarse voluntariamente ao Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia (TPII) na Haia para enfrontar os cargos presentados contra el por crimes de guerra. Nove dos dez testemuñas que in declarar contra el morreron en diferentes circunstancias, e o outro retirou o seu testemuño tras sufrir un intento de asasinato.[22][23]

Fatmir Limaj, un dos antigos comandantes do UÇK, tamén foi procesado na Haia e absolvido de todos os cargos en novembro de 2005. Actualmente, é Ministro de Transportes e Telecomunicacións de Kosovo.[Cómpre referencia]

Hajredin Bala, un ex garda de prisión do UÇK, foi sentenciado o 30 de novembro de 2005 a 13 anos de cárcere polo maltrato de tres prisioneiros de Llapushnik e debido ao seu papel persoal no "mantemento e imposición das condicións inhumanas" no campo, axudando na tortura dun dos prisioneiros e participando no asasinato de nove prisioneiros do campo que marchaban ás montañas de Berisha entre o 25 e o 26 de xullo de 1998. Bala apelou a súa sentenza e na primavera de 2006 aínda estaba pendente a súa resolución.[Cómpre referencia]

Acusacións de abusos

Crimes de guerra

Existen informes de crimes de guerra cometidos polo UÇK tanto durante como despois da guerra de Kosovo. Estes estarían dirixidos directamente contra serbios e outras minorías étnicas (principalmente xitanos) e contra os albaneses acusados de colaborar coas autoridades serbias.[24] Segundo o informe de 2001 elaborado por Human Rights Watch (HRW):

O ELK foi responsábel de varios abusos [...] entre eles secuestros e abusos contra serbios e albaneses considerados colaboradores do Estado. Elementos do ELK son tamén responsábeis de ataques posconflito contra serbios, xitanos e outros non albaneses, así como contra rivais políticos albaneses [...] queima e saqueos estendidos e sistemáticos de fogares serbios, xitanos e doutras minorías e da destrución de igrexas ortodoxas e mosteiros [...] combinados co acoso e intimidación deseñados para forzar ás persoas a saír fóra das súas casas e comunidades [...] elementos do ELK son claramente responsábeis por moitos destes crimes.[25]

O UÇK emprendeu ataques contra cidadáns serbios en Kosovo, represalias contra albaneses que "colaboraron" co goberno serbio e bombardearon estacións de policía e cafeterías coñecidas por seren frecuentadas por oficiais serbios, matando a civís inocentes no proceso. O goberno serbio informou que o UÇK asasinara e secuestrara a non menos de 3.276 civís de varias etnias, e tamén a algúns albaneses.[Cómpre referencia] O número exacto de vítimas do UÇK descoñécese. Segundo un informe do goberno serbio, desde o 1 de xaneiro de 1998 ao 10 de xuño de 1999, o UÇK asasinou a 988 persoas e secuestrou 287; no período do 10 de xuño de 1999 ao 11 de novembro de 2001, cando a OTAN tomou o control de Kosovo, foron asasinados 847, e 1.154 secuestrados. Estas cifras comprenden tanto a civís como a membros das forzas de seguridade: dos asasinados no primeiro período, 335 foron civís, 351 soldados, 230 policías e 72 non foron identificados; por nacionalidade: 87 foron civís serbios, 230 albaneses e 18 doutras nacionalidades.[Cómpre referencia] Despois da retirada das forzas de seguridade serbias e iugoslavas de Kosovo en xuño de 1999, todas as mortes foron de civís, a maioría serbios. Segundo Human Rights Watch, "tantos como mil serbios e xitanos foron asasinados ou desapareceron desde o 12 de xuño de 1999".[24]

Tráfico de órganos

Carla Del Ponte, fiscal-xefe do Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia, denunciou no seu libro The Hunt: Me and the War Criminals que existiron casos de tráfico de órganos en 1999 despois do fin da guerra de Kosovo. Estas acusacións foron negadas por autoridades kosovares e albanesas,[26] mentres que o TPII sostivo que "non se conseguiu ningunha evidencia confiabel que probe as acusacións.[27]

Estas acusacións vinculaban ao que se convertería en primeiro ministro de Kosovo, o antigo dirixente do UÇK Hashim Thaçi.

O asunto reabriuse en decembro de 2010, cando a Comisión Europea presentou un informe, elaborado por Dick Marty, no que se acusaba a Thaçi de ser o xefe dunha organización mafiosa que perpetrou asasinatos e traficou con droga e órganos de prisioneiros, reafirmando as denuncias de Del Ponte.[28]

Algúns membros do UÇK, como Adem Demaçi e Rexhep Qosjas están implicados nos crimes cometidos despois da guerra e contribuíran, na súa busca da creación dunha Gran Albania,[29] á desestabilización dos Estados veciños de Kosovo: Macedonia do Norte ou Montenegro.[30]

Vinculo con Al Qaeda

Despois dos atentados do 11-S a prensa internacional comezou a facerse eco da vinculación existente (debida a motivos relixiosos) entre o UÇK e o grupo terrorista xihadista Al Qaeda,[31] afirmando que Estados Unidos protexeu a terroristas de Al Qaeda en Kosovo.[32] Segundo estas informacións o comandante das forzas de elite do grupo terrorista kosovar era Muhammad al-Zawahiri, irmán do médico exipcio Ayman al-Zawahiri, o número dous de Osama bin Laden, chegando a afirmar que Estados Unidos protexeu a terroristas de Al Qaeda en Kosovo.[Cómpre referencia] Esta versión mantéñena outros estudosos do tema, que consideran a al-Zawahiri xefe operativo de Al-Qaeda nos Balcáns.[33]

Segundo un estudo do Observatoire de l'action humanitaire, Muhammad al-Zawahiri desenvolveu unha importante rede islamista de apoio ao UÇK, coa incorporación de activistas procedentes de países árabes.[34] Michel Chossudovsky publicou en 2005 que tanto a intelixencia alemá e a CIA como Al Qaeda colaboraron en actos terroristas perpetrados na ex Iugoslavia. Para Chossudovsky, a Alianza Atlántica apoio a unha organización terrorista que non loitaba polos dereitos dos albaneses, senón todo o contrario.[35]

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

  • "KLA Action Fuelled NATO Victory", Jane's Defence Weekly, 16 de xuño de 1999
  • "The KLA: Braced to Defend and Control", Jane's Intelligence Review, 1 de abril de 1999
  • "Kosovo's Ceasefire Crumbles As Serb Military Retaliates", Jane's Intelligence Review, 1 de febreiro de 1999
  • "Another Balkan Bloodbath? Part Two", Jane's Intelligence Review, 1 de marzo de 1998
  • "Albanians Attack Serb Targets", Jane's Defence Weekly, 4 de setembro de 1996
  • "The Kosovo Liberation Army and the Future of Kosovo", James H. Anderson e James Phillips, 13 de maio de 1999, Heritage Foundation, Heritage Foundation (Washington, USA)

Ligazóns externas