Estivación

A estivación (do latín aestivatio, derivado de aestivare: veranear)[1] é un termo que ten un significado moi diferente en zooloxía e en botánica. En zooloxía é un período de inactividade e ralentización do metabolismo polo que pasan algunhas especies durante a estación seca. En botánica refírese á disposición da partes das xemas florais ou a un proceso previo á xerminación nalgunhas especies.

Caracois do Mediterráneo en estivación.
Xema floral de magnolio.

En zooloxía

En zooloxía a estivación é un estado fisiolóxico dalgúns animais consistente no letargo, inactividade ou torpor que se produce por un descenso na actividade metabólica como resposta ás condicións extremas e periódicas que se producen durante o verán ou estación seca. Estas condicións poden ser debidas a un aumento considerable da temperatura ambiental ou a unha diminución hídrica importante, xa sexa ambiental ou do nivel das masas de auga.[2][3][4][5]

Este fenómeno é máis frecuente en especies animais tropicais, mais non é exclusivo e pode producirse tamén en especies de zonas temperadas. É parte do ciclo biolóxico de moitas delas, e pode ser incluso necesario para o correcto desenvolvemento embrionario ou gonadal, como ocorre nalgunhas tartarugas de América do Sur.[6]

Durante a estivación, os animais xeralmente se enterran en toqueiras de barro húmido co que se rodean formando un casulo ou vaíña que os protexe da deshidratación e das altas temperaturas. Ao enterrárense desta maneira crean microambientes moi diferentes do exterior, chegando a non ter variacións diarias de temperatura.[7] Exemplos de animais que se enterran pódense encontrar entre os peixes pulmonados, anfibios e réptiles.[2] Entre estes últimos un exemplo moi claro de estivación dáse nos crocodilos e caimáns, cando nas épocas de seca e escaseza de alimentos entérranse no barro e ralentizan o seu metabolismo, ralentizan a frecuencia cardíaca e baixan a súa temperatura corporal. Outros animais buscan refuxio entre a vexetación, como os caracois, ou en ocos ou goridas de diferentes clases, como anfibios, réptiles e incluso mamíferos.[8][9]

Aínda que os períodos de estivación adoitan ser dalgúns meses ao ano, coñécense casos de anuros que permanecen neste letargo ata 5 anos, aínda que a maioría da poboación morre durante o proceso.[7]

En botánica

O termo estivación refírese en botánica á disposición das pezas das xemas florais, as cales se abren con posterioridade ás xemas foliares.[1][2][10]

En taxonomía pode ser un carácter de diagnóstico importante, por exemplo, na familia Malvaceae os xéneros Fremontodendron e Chiranthodendron son os únicos que non posúen sépalos valvados nas xemas florais.[10]

Tamén é o proceso fisiolóxico inducido pola calor do sol polo que deben pasar diversos propágulos e sementes para xerminar.[1]

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos