Estalido social de Chile en 2019

Baixo a denominación "Estalido social" englóbanse unha serie de protestas multitudinarias que tiveron lugar dende outubro de 2019 en Santiago de Chile noutras cidades do país. Estas foron as maiores mobilizacións dende a caída da ditadura de Augusto Pinochet e tiveron fondas consecuencias no sistema político chileno.

Concentración na praza Baquedano (Providencia, Santiago de Chile) no serán do 12 de novembro de 2019. Escenario habitual das manifestacións do "Estalido" foi chamada praza Dignidade.

Causas

As causas das protestas son diversas, aínda que o detonante das mesmas foi un incremento do transporte público de Santiago de Chile.[1] Diferentes estudos sinalan que as razóns profundas afunden as súas raíces en diferentes condicións estruturais:

  • Desigualdade socioeconómica: malia a que Chile é unha das economías máis prósperas de América Latina, tamén presenta notables desigualdades. En 2019, o 1% máis rico acumulaba o 26,5% da riqueza neta do país e, en 2017, a taxa de pobreza acadou o 10% da poboación total, segundo a Comisión Económica da ONU para América Latina (CEPAL).[2] Esta situación foi indicada por moitos dos participantes como un dos motivos para participar no Estalido de outubro de 2019.[3][4][5]
  • Carencias no sistema de benestar chileno que impiden que cumpra co rol de garantir a igualdade de oportunidades. Por exemplo, en 2019, arredor dun cuarto das persoas xubiladas chilenas recoñecen como insuficiente a pensión.[6] O sistema de pensións chileno baséase en fondos de capitalización individual de xestión privada, mais a precariedade laboral e os baixos salarios derivan en baixas pensións.[7][8] Deste xeito, a reforma previsional foi unha demanda recorrente nas protestas.[9][10] Ademais, o sistemas de educación e sanidade pública presentan notables deficiencias fronte a rede privada.[11][12]
  • Descontento co modelo económico: para moitos a orixe das inequidades anteriormente indicadas eran o resultado do neoliberalismo. A ditadura de Augusto Pinochet (1973-1990) adoptou un programa de reformas neoliberais deseñado polos Chicago boys: economistas chilenos formados na Universidade de Chicago por Milton Friedman, entre outros académicos. O obxectivo das reformas era limitar ao máximo o rol do Estado como axente económico.[13] Nas protestas fixéronse críticas a que logo de case 30 anos de democracia non se alteran de forma substancial os alicerces do sistema.[14][15][16]
  • Alto custo de vida: Chile é un dos países máis caros de América Latina, o segundo tras Uruguai, tendo en conta a diferenza entre o PIB nominal e o PIB corrixido por paridade de poder adquisitivo.[17] Deste xeito, o recurso a solicitar créditos financeiros por parte dos particulares é moi común, o que acabou derivando nun alto endebedamento.[18] Así, en 2019 acadouse o máximo histórico de endebedamento das familias: máis dun terzo dos chilenos de máis de 18 anos eran morosas.[19][20]
  • Problemas de representatividade do sistema político: dende anos antes dende diferentes sectores sociais e políticos reclamábase facer un cambio profundo da Constitución de 1980, aprobada durante a ditadura de Augusto Pinochet.[21]

A sucesión de protestas

Pintadas contra a policía e chamando a non pagar o transporte público no mobiliario urbano de Santiago (24-10-2019)

En outubro de 2019, un incremento nas tarifas do transporte público de Santiago de Chile derivou nas maiores protestas da Historia de Chile. Entre o 7 e o 17 de outubro comezaron as primeiras "evasións masivas", é dicir, un xeito de protestar consistente en evitar o pago do billete do transporte público, neste caso o metro da capital.[22] Durante varios días, os manifestantes, autoconvocados polas redes sociais, superaron a capacidade de control do metro que acabou rexistrando perdas por valor de 500 millóns de pesos.[23] O venres 18, malia a estaren as estacións protexidas polos carabineiros, o servizo do metro colapsou e a mobilidade da capital viuse seriamente afectada.[24] Ao longo desa tarde tamén se rexistraron cargas policiais e actos vandálicos deixando a unha estudante ferida.[25] No serán do venres 18 o goberno decretou a aplicación da Lei de Seguridade Interior, unha lexislación excepcional, e pechou durante a fin de semana o servizo de metro.[26] Con todo durante esa noite sucedéronse episodios de protesta e violencia, mentres que se difundiu unha fotografía de Piñera canda a súa familia celebrando o aniversario dun dos seus netos nunha pizzería. A imaxe, difundida nas redes sociais, foi para moitos, tanto a nivel nacional como internacional, un símbolo da desconexión do presidente coa realidade do país.[27]

Na madrugada do venres 18 ao sábado 19, Piñera ofreceu unha declaración na que anunciaba o establecemento do Estado de Emerxencia en Santiago e parte da Rexión Metropolitana.[28] Isto significadaba a militarización da orde pública e a limitación das liberdades de reunión e circulación e decretouse un toque de queda durante a noite. Ao longo dese día as medidas de Estado de Emerxencia e o toque de recollida foi ampliado á totalidade da Rexión Metropolitana e á de Valparaíso e á provincia de Concepción, afectando ás principais cidades do país. Foi a primeira vez que se empregaba esta medida para evitar protestas dende a ditadura de Pinochet, se ben fora usado por mor de catástrofes naturais na democracia.[29] Malia a estas medidas, as protestas continuaron afectando ás principais cidades chilenas, causando ás veces episodios violentos como saqueos e enfrontamentos coas forzas de seguridade. Sebastián Piñera declarou entón que ofrecía diálogo paralizando o incremento do prezo do metro, aínda que alertou contra as protestas. A retórica do presidente endureceuse chegando a falar de "grupos criminais organizados" como responsables dos disturbios e de que Chile estaba "en guerra contra un inimigo poderoso" e que os que participaban nas protestas violentas estaban "en guerra contra todos os chilenos de boa vontade que queremos vivir en democracia".[30] O domingo 20 Santiago de Chile e as principais cidades do país acolleron multitudinarias manifestacións de apoio ás protestas. A pesar do seu carácter pacífico, efectivos de carabineiros e do exército dispersaron algunhas mediante a forza habendo agresións a xornalistas.[31] Cidades como Valparaíso, Viña del Mar, Antofagasta e Concepción, volveron acoller as mobilizacións nos días posteriores.[32][33][34]

Durante os días posteriores, Piñeira anunciou un conxunto de medidas de tipo social que recollían aumentos salariais e das pensións, estabilidade nos prezos da enerxía ou a ampliación dos seguros médicos, denomoninado "Nova Axenda Social" máis non resultou suficiente. O venres 25 tivo lugar a "marcha máis grande de Chile" que mobilizou a 1 200 000 persoas na capital e, estímase, a uns de 3 000 000 de chilenos.[35]

Imaxe aérea da praza Baquedano durante a "Marcha máis grande de Chile" (25-10-2019)

O día 26 de outubro de 2019, o presidente Piñera solicitou a dimisión dos ministros e conformou un novo goberno.[36] Aínda que a prensa especulou sobre a posibilidade de que se integrasen figuras políticas independentes, finalmente, Piñera nomeou a persoas procedentes do seu espazo político.[37]

As protestas proseguiron nos días seguintes, e tiveron unha maior conflitividade o luns 4 de novembro. Para esa xornada, chamada "super luns", convocáranse diferentes accións reivindicativas como unha folga e unha mobilización na céntrica praza de Italia en Santiago durante a tarde.[38] Con todo, nese día sucedéronse actos de violencia: un total de 43 persoas resultaron feridas, entre elas, dúas carabineiras por seren atacadas con cócteles Molotov,[39] dous atropelados por vehículos policiais e outro polo impacto dun proxectil no cranio.[40]

Os intentos por recuperar a normalidade non foron exitosos e nos centros escolares, estudantes sumáronse ás protestas fuxindo dos recintos.[41] Isto levou a adiantar a fin do curso nalgúns institutos,[42] e tamén causou a intervención, con violencia, das forzas da orde no interior de espazos escolares e universitarios.[43][44]

Cara a mediados de novembro de 2019, apareceron grupos identificados con chalecos reflectores amarelos que pretendían defender propiedades privadas dos movementos de protesta, especialmente nos barrios acomodados de Santiago de Chile.[45] Mais intensidade da violencia nas manifestacións continuou escalando e houbo ataques a recintos militares, como o de Tejas Verdes (vencellado a actos de tortura na ditadura de Pinochet), e actos anticlericais como a queima de igrexas.[46][47] Tras 21 días de protestas e disturbios, Sebastián Piñera convocou ao Consello de Seguridade Nacional, que reúne a autoridades políticas e militares, o 7 de novembro de 2019. Foi a primeira vez que se xuntaba dende 2014 e Piñera anunciou nova lexislación para conter os desordes.[48] Con todo, nos días seguintes, algúns ministros, como o de Interior, Gonzalo Blumel, disuadiron a Sebastián Piñera para que non declarase de novo o estado de sitio, que facultaba a militarización da orde pública, insistíndolle na necesidade de abrir diálogo coa oposición.[49]

A apertura de canles de comunicación entre os sectores sociopolíticos chilenos permitiu reducir a conflictividade. Aínda así, nos meses de decembro de 2019, xaneiro e febreiro de 2020, sucedéronse protestas como os que afectaron á proba de acceso á universidade ou os disturbios en Viña del Mar durante o seu festival musical.[50][51] Con todo, a pandemia de covid-19 fixo que o goberno de Sebastián Piñera decretase o Estado de Excepción a partir do 19 de marzo de 2020, durante un período inicial de 90 días.[52] O abeiro desta medida impúxose tamén un toque de recollida en todo o territorio nacional e o confinamento das comunas (concellos) con alta incidencia o que significou a perda de intensidade do movemento das protestas.[53]

O aniversario das protestas, en outubro de 2020, poucos días antes do plebiscito constitucional, foi outro momento álxido das mobilizacións. Aínda que a maior parte delas foron pacíficas, houbo algúns episodios violentos que remataron con case 600 detidos e dúas igrexas de Santiago queimadas.[54]

Represión policial e vítimas

Protesta polos traumas oculares derivados das actuacións policiais (2-11-2019)

A resposta policial ante as protestas foi criticada pola súa dureza describíndose numerosos casos de brutalidade. Paralelamente ás protestas houbo actuacións xudiciais contra algunhas accións policiais polo acoso aos manifestantes, como o lanzamento de gases lacrimóxenos en centros sanitarios ou o disparo de perdigóns en centros académicos.[55][43]

A Cruz Vermella estimou que, só nas xornadas de outubro, 2 500 persoas foron feridas.[56] Estímase que entre outubro de 2019 e marzo de 2020 faleceron 34 persoas.[57]

Informes de institucións como Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos e da Comisión Interamericana de Dereitos Humanos, así como de organizacións non gobernamentais como Amnistía Internacional e Human Rights Watch, testemuñaron numerosos usos excesivos da violencia por parte das forzas de seguridade incluíndo mortes, lesións, violencia sexual ou privacións arbitrarias de liberdade.[58][59][60][61]

Ante estas acusacións, houbo momentos políticos encamiñados á censura da política de Piñera e o seu goberno. Deste xeito, o Congreso Nacional acabou por inhabilitar por 5 anos ao ministro do Interior, Andrés Chadwick.[62] Tamén, un grupo de deputados de esquerda propuxo a destitución do xefe do Estado en novembro de 2019. A proposta non prosperou, sendo rexeitada na primeira votación da Cámara de Deputados por 79 votos en contra e 73 a favor.[63]

En abril de 2021, varios grupos de xuristas e defensores dos Dereitos Humanos (entre os que se atopaba Baltasar Garzón), denunciaron ante a Corte Penal Internacional a Sebastián Piñera e aos seus colaboradores por estes casos de violencia policial.[64] Foron acusados por delitos de "lesa humanidade" por considerar que as respostas das forzas de seguridade foron mostras dun "ataque organizado, masivo, extenso, e sistemático" contra os civís. Mais en decembro de 2021, a fiscalía do tribunal internacional desestimou a denuncia.[65]

Consecuencias

Proxección un edificio a favor dunha nova constitución en Santiago de Chile (31-12-2019)

Proceso constituínte

Ante a magnitude do descontento social mostrado dende outubro de 2019, diferentes sectores comezaron a pronunciarse a favor dunha cambio profundo da Constitución de 1980, aprobada durante a ditadura de Augusto Pinochet. Deste xeito, ante a presión de organizacións sociais, sindicais, políticas e xurídicas,[66][67][68] Sebastián Piñera fixo anuncios pouco claros nos que non desbotaba dunha reforma estrutural do texto.[69] Finalmente, o 10 de novembro de 2019, o ministro do Interior, Gonzalo Blumel, confirmou que o goberno comezaría un proceso de redacción dunha nova Constitución mediante un "Congreso Constituínte" e un referendo para a ratificación da carta magna que se elaborara.[70] Malia a que a oposición valorou que o executivo se abrise a unha nova Constitución rexeitou a forma de redactala, propondo unha asemblea constituínte electa para tal fin, a chamada Convención Constitucional. O 15 de novembro, goberno e oposición acordaron celebrar un duplo plebiscito simultáneo no que se preguntase á cidadanía se querían unha nova Constitución e o xeito de facelo, optando entre a Convención Constitucional ou unha convención mixta na que se escollese a parte dos seus integrantes mentres que o resto serían designados polo Congreso. Sebastián Piñera asinou a lei para convocar o referendo o 23 de decembro de 2019.[71]

A consulta, fixada para o 26 de abril de 2020, tivo que ser adiada ata o 25 de outubro pola pandemia de covid-19 que afectou ao país dende marzo de 2020.[72] Os resultados deixaron un 78,28% a favor de redactar unha nova Constitución e case un 79% a favor de que a elaborase a Convención Constitucional.[73]

Os días 15 e 16 de maio de 2021 a cidadanía escolleu aos 155 membros da Convención Constitucional, dos que 18 escanos estaban reservados aos pobos orixinarios. O escrutinio amosou unha vitoria contundente dos candidatos independentes e da esquerda, aínda que só participou o 41,55% dos electores.[74] Sectores de centro dereita consideraron que os acordos da Convención eran demasiado ideoloxizados e queixándose da falta de integración e consenso. Algúns aspectos polémicos do texto foron a declaración de Chile como un estado plurinacional e a equiparación da xustiza indíxena co resto do sistema xudicial, a eliminación do Senado, ademais, moitos cidadáns consideraron que non se protexía a propiedade privada, malia a ser desmentido.[75][76] Finalmente, o 4 de setembro de 2022, a cidadanía chilena rexeitou en referendo a proposta de constitución elaborada pola convención constituínte: 62% votos contrarios fronte o 38% favorable.[77] Ante o resultado, as forzas políticas chilenas exploraron a posibilidade de retomar un proceso constituínte novo e en decembro de 2022 logrouse o acordo sobre os aspectos institucionais e xurídicos básicos que a nova Carta Magna debería incorporar así como o procedemento de elaboración do texto.[78][79]

Cambios políticos

As forzas políticas tamén se viron cuestionadas polo movemento social do Estalido. As protestas, que se sucederan sen ter líderes claros, criticaban as políticas seguidas durante toda a democracia chilena. A valoración pública do presidente Sebastián Piñera afundiuse, conseguindo o mínimo histórico de aprobación en xaneiro de 2020: só un 6% dos chilenos valoraban positivamente a súa xestión.[80] Pero, paralelamente, foron emerxendo novas figuras, como Gabriel Boric, que conectaron mellor co descontento. Deste xeito, cando tiveron lugar as eleccións presidenciais de novembro de 2021, os resultados supuxeron un troco importante en Chile: os tres candidatos máis votados procedían de correntes políticas menores ata ese momento. O terceiro candidato máis votado foi Franco Parisi do Partido da Xente, de corte populista, mentres que a xefatura do Estado sería disputada entre o esquerdista Gabriel Boric e o dereitista José Antonio Kast. Por primeira vez dende a fin do réxime de Pinochet os candidatos de centro dereita e centro esquerda non foron quen de pasar á segunda volta.[81][82] O 19 de decembro de 2021, os resultados fixeron presidente de Chile a Boric co o 55,87% e máis de 4 620 000 votos, fronte o 44,13% e case os 3 650 000 votos de Kast, o que fixo de Gabriel Boric o xefe do Estado máis votado ata o momento.[83][84]

Introdución da Pensión Garantida Universal

Aínda que a pandemia de covid-19 condicionou moito a lexislatura, o goberno reorientou a súa política social. Deste xeito, en decembro de 2021, logo de autorizar varias retiradas do aforro depositado nos fondos de pensións, Sebastián Piñera propuxo a creación dunha Pensión Garantida Universal a conta dos orzamentos públicos.[85] Con ela preténdese outorgar 185 000 pesos mensuais a máis de 2 300 000 persoas maiores de 65 anos en situación de vulnerabilidade e que se sumaría ao importe que perciben do seu fondo de pensións.[86] Segundo as proxeccións do goberno, o custo da medida supoñerá máis do 0,9% do PIB ata mediados do século XXI.[87] A Pensión Garantida Universal foi un dos derradeiros proxectos de lei que o goberno de Sebastián Piñera someterá á consideración do Congreso Nacional polo que procura gañar o apoio do grupo político do seu sucesor, Gabriel Boric.[88] Finalmente, o proxecto de lei da Pensión Garantida Universal foi aprobado por unanimidade pola Cámara de Deputados,[89] e o seu primeiro pago fíxose en febreiro de 2022, beneficiando a máis de 2,5 millóns de xubilados.[90]

Notas