Esfínter

Un esfínter (do latín tardío sphincter, e este do grego σφιγκτήρ, sphinktēr, "banda, músculo contráctil"), é unha estrutura anatómica constituída por un músculo circular ou con forma de anel que normalmente mantén a constrición dun orificio ou pasaxe natural do corpo, que se relaxa cando é necesario para o funcionamento fisiolóxico normal. Os esfínteres atópanse en moitos animais vertebrados e invertebrados, e no corpo humano existen moitos, aínda que algúns son pequenos e microscópicos, especialmente os millóns de esfínteres precapilares existentes nos capilares sanguíneos.[1] Os esfínteres reláxanse ao morrer. O mal funcionamento dos esfínteres orixina diversos problemas como a incontinencia urinaria ou fecal ou o refluxo gastroesofáxico.

Esfínteres externo e interno do ano.

Funcións

Os esfínteres son efectivos para controlar a entrada e liberación de líquidos e sólidos, facilitando o seu paso nos momentos adecuados ou impedindo o refluxo. Moitos esfínteres úsanse diariamente como parte normal da dixestión ou da visión. Por exemplo, o esfínter esofáxico situado na parte superior do estómago mantén os ácidos estomacais e outros contidos estomacais dentro do estómago evitando que pasen ao esófago.

Clasificacións

Os esfínteres poden clasificarse en funcionais e anatómicos:

  • Os esfínteres anatómicos teñen un engrosamento de músculo localizado e xeralmente circular que facilita a súa acción como esfínter.
  • Os esfínteres funcionais non teñen ese engrosamento muscular localizado e realizan a súa acción de esfínter por medio da contracción muscular arredor (extrínsecos) ou dentro (intrínsecos) dunha estrutura anatómica.

Os esfínteres poden tamén ser controlados voluntariamente ou involuntariamente:

Exemplos

Diagrama do esfínter e válvula ileocecal.
  • O esfínter pupilar, situado no iris no ollo, que controla a abertura pupilar e, por tanto, a cantidade de luz que entra no ollo.
  • O esfínter esofáxico superior.
  • O cardia (esfínter esofáxico inferior), na parte superior do estómago. Este esfínter impide que os contidos ácidos do estómago pasen ao esófago.
  • O esfínter pilóricio, na parte inferior do estómago. Libera o quimo no duodeno.
  • O esfínter ileocecal na unión do intestino delgado co groso, que impide o refluxo dos contidos do cego cara ao íleo.
  • O esfínter de Oddi, que controla as secrecións do fígado, páncreas e vesícula biliar ao duodeno.
  • O esfínter uretral, que controla a saída da urina do corpo.
  • O ano posúe dous esfínteres (esfínter anal externo e esfínter anal interno), que controlan a saída das feces do corpo. O interno é involuntario e o externo é voluntario.
  • Os esfínteres precapilares microscópicos funcionan controlando o fluxo de sangue nos capilares en resposta á actividade metabólica local.[1]
  • Os músculos orbiculares, como o dos labios e o das pálpebras, considéranse tamén esfínteres.

Notas