Pertencente á saga da Familia Aragón, é fillo de Emilio Aragón Bermúdez (Miliki) e de Rita Violeta Álvarez.
Comezou a súa carreira no programa El gran circo de TVE en 1977, co nome de Milikito, xunto ao seu pai, ao seu tío Gabriel Aragón BermúdezGaby, e ao seu primo Alfonso Aragón Sac Fofito. En 1981 abandona este programa que fora bautizado popularmente como Os pallasos da tele e dous anos máis tarde presenta na tempada 1983-1984 de Televisión Española o espazo Ni en vivo ni en directo que baseaba o seu contido en sketchs de humor. Máis tarde, en setembro de 1984 estreou en Madrid o musical Barnum, creado por Mark Bramble,Cy Coleman e Michael Stewart, e do que foi produtor executivo, protagonista e responsable das letras en castelán.[1]
Alcanzou gran popularidade na metade da década dos 80 como presentador. Nesta época encargouse do programa Saque Bola de Canal Sur acompañado de José María Fraguas. Por este traballo obtivo o TP de Ouro ao personaxe máis popular de Canal Sur. Pero o seu salto á fama chegou co programa VIP en Telecinco[2], un concurso vespertino que dirixiu de luns a venres xunto ao realizador Daniel Écija e coa colaboración na presentación de Belén Rueda. O espazo obtivo unha boa aceptación e froito dela pronto se abordou a súa versión infantil, VIP Guay para os sábados copresentada por Ana Chávarri, e VIP Noite. Será neste último onde, debido á súa mestura de concurso e gala, adquiriu a súa imaxe máis lembrada daqueles anos co seu esmoquin acompañado de zapatillas deportivas, así como a súa palabra máis emblemática: "Dabuten". Estaba acompañado tamén pola cantante mexicana Thalía e as integrantes do grupo feminino Cacao Maravillao. Tamén fixo un pequeno cameo no filme de Martes y Trece El robobo de la jojoya en 1991.
En 1992 o por entón presidente do Grupo Zeta Antonio Asensio faise co control de Antena 3 e acomete unha importante renovación de todo o seu persoal. Tras La Regala, programa especial de Nadal gravado no Palau de Sant Jordi ante 15 000 persoas[3] Emilio Aragón e o seu equipo foi a súa fichaxe máis recoñecible, e tras outorgarlle a dirección do espazo Noche, noche[4], na tempada 1993-1994 foi posto á fronte de El gran juego de la oca, que se converteu no seu maior éxito na cadea[4]. Por estas datas e en compaña da súa man dereita, o xa mencionado Daniel Écija, funda en 1993 a produtora Globomedia que concibiu ou adaptou para España programas como ¡Que me dices!, Caiga Quien Caiga ou El Club de la Comedia[4], ou series como Compañeros ou posteriormente 7 vidas, Aída, Los hombres de Paco e moitas máis.
En 1995 e tras un tempo no estranxeiro volve a Telecinco cun proxecto de serie familiar que ao cabo se traduciría no seu papel protagonista máis lembrado e recoñecido polo público: Médico de familia, que permaneceu en antena até decembro de 1999. Na mesma, e á marxe da súa faceta de produtor, encarnaba o personaxe principal: Nacho Martín. Tras esta aposta, mantivo na mesma cadea entre 2002 e 2003 tres tempadas da produción Javier ya no vive solo na que interpretaba un corentón solteiro que se facía cargo das súas sobriñas, aínda que non conseguiu revalidar o éxito do seu anterior formato. Finalmente en 2004 volveu probar sorte en Antena 3 con Casi perfectos[4], aínda que os malos resultados de audiencia levaron á cadea a cancelar a súa emisión tras unha segunda tempada pobre en resultados.[5]
Desde 2006 é presidente honorífico da cadea de televisión LaSexta da que Globomedia posúe unha parte importante da súa participación. Nela presentou o programa de improvisación Los irrepetibles de Amstel e adquiriu o alcume cariñoso de "El señor de La Sexta" outorgado polo programa Sé lo que hicisteis.... Entre medias dirixiu en 2009 o seu primeiro filme, Pájaros de papel[6] con Imanol Arias, Lluís Homar e Carmen Machi. En 2012 viaxa a Estados Unidos para dirixir a Robert Duvall no filme A Night in Old Mexico, que se estreou en maio de 2014.
Outras das súas facetas foron as de intérprete de álbums musicais de corte desenfadado como Te huelen los pies, posúe o título de piloto, e forma parte de asociacións de fins solidarios como Acción Contra el Hambre (da que é vicepresidente), Intermón Oxfam, o Comité Drogas No e a Fundación Dales la Palabra. Tamén forma parte do proxecto "No Hunger" que pretende convencer a Al Gore para que o seu próximo documental estea dirixido contra a desnutrición debido ao gran calado social do seu An Inconvenient Truth.
Vida persoal
Fillo do pallasoEmilio Aragón Bermúdez e unha cubana, Rita Violeta Álvarez Fernández. Ten tres irmáns, Rita Irasema, unha cantante e presentadora, María del Pilar, unha empresaria de Globomedia e María Amparo unha escenógrafa de El Gran Juego de la Oca e de Médico de familia. Emilio casou en Asturias o 19 de agosto de 1983[7] con Aruca Fernández-Veiga Feijoó, pertencente a unha longa saga de prestixiosos oftalmólogos[8], teñen tres fillos: Icíar (1985), Macarena (1988) e Ignacio (1995).
Carlitos y el campo de los sueños: Banda sonora orixinal do filme homónimo (2008)
Pájaros de papel: Banda sonora orixinal do filme Pájaros de papel (2010)
Longum Vitae Suspirium: Cantata para barítono, coro e orquestra (2011)
A Night in Old Mexico: Banda sonora orixinal do filme homónimo (2013)
Dobraxe
Stuart Little e Stuart Little 2: Puxo a voz de Stuart na versión española (na versión orixinal era a voz de Michael J. Fox).
Compositor
Compuxo a banda sonora do filme A Night in Old Mexico, da que tamén foi director e produtor.[9]
Compuxo a banda sonora do filme Pájaros de papel, da que tamén foi director, guionista e produtor.
Compuxo a cantata para barítono, coro e orquestra Longum Vitae Suspirium, a partir dunha selección de textos de José Saramago por encargo da Asociación Española de Orquestas Sinfónicas e a Fundación Autor.
Compuxo a banda sonora do filme Carlitos y el campo de los sueños, da que tamén foi o seu produtor.
Compuxo a música do ballet Blancanieves e dirixiu a orquestra.
Compuxo a música da serie de debuxos animados Esquimales en el Caribe, serie ideada por el.
Compuxo a música da serie de debuxos animados La aldea del arce.
Compuxo a música da serie de debuxos animados Noeli (interpretada pola súa irmá, Rita Irasema).
Compuxo e interpretou a sintonía da serie de televisión 7 vidas.
Compuxo e interpretou a sintonía da serie de televisión Periodistas.