Edificio Gran Garaje

edificio modernista en Pontevedra, España

O Gran Garaje é un edificio modernista de 1915, situado no centro da cidade de Pontevedra.

Gran Garaje
Fachada principal do Gran Garaje na rúa Benito Corbal
Edificio
EstiloModernista
EnderezoRúa Benito Corbal, 8
LocalizaciónPontevedra
Coordenadas42°25′50″N 8°38′33″O / 42.430638888889, -8.64258333333338°38′33″O / 42.430638888889, -8.6425833333333
ArrendatarioMango
Construción
Construción1915
Remodelación2017
Dimensións
Plantas1
editar datos en Wikidata ]

Localización

O edificio está situado na rúa Benito Corbal, no centro peonil e comercial da cidade, preto da praza da Ferrería de Pontevedra.

Historia

O edificio foi construído en 1915 na antiga rúa Progreso, segundo un proxecto do arquitecto Maximiliano Limeses Artime. Construíuse nun soar onde había unhas antigas cocheiras,[1] para que servise de parada aos coches de cabalos.[2]

Na década de 1960, co auxe do automóbil na cidade, renovouse a súa fachada, construíuse a nova cuberta e o edificio pasou a chamarse Gran Garaje, servindo como aparcadoiro de pagamento con capacidade para 75 vehículos (de aí o seu nome).[3][4] Na década de 1970 as zonas a cada lado da entrada principal do edificio utilizáronse como dúas pequenas tendas, unha de recordos e outra de xoguetes. Na década de 1980, anos de grande especulación inmobiliaria na cidade, salvouse da demolición para a construción dun edificio de varias plantas ao fracasar a súa venda, deixando á vista as medianeiras dos grandes edificios que o rodean.[5]

En 2014 o aparcadoiro e mais as dúas pequenas tendas da entrada pecharon definitivamente. Tras unha renovación completa da fachada e o interior, o edificio inaugurouse o 5 de maio de 2017 como tenda de moda da cadea de roupa Mango.[6]

Descrición

O edificio ten unha fachada modernista e un interior amplo, espazoso e diáfano, debido á función orixinal para a que foi deseñado.[7] Ten unha superficie de 900 metros cadrados.[8]

Trátase dun edificio dunha soa planta cunha planta baixa. A fachada branca ten unha gran porta cadrada de madeira encaixada no centro e dúas portas alongadas de arco rebaixado a cada lado.[9][10] O tellado, catalogado e protexido como elemento patrimonial, está formado por unha lanterna, unha celosía e un tellado a dúas augas que data de 1965.[11][12]

A decoración modernista con motivos florais céntrase sobre as catro portas laterais. O friso superior está abundantemente decorado e a parte central da fachada, sobre a gran porta de entrada, está coroada por un frontón circular enmarcado entre dúas pequenas columnas, baixo o cal se atopa a inscrición en relevo Gran Garaje.

Galería

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas