Drosha

Drosha, ribonuclease tipo III
Identificadores
SímboloDROSHA
Símbolos alt.ETOHI2; HSA242976; RANSE3L; RN3; RNASE3L; RNASEN
Entrez29102
OMIM

608828

RefSeqNP_001093882
UniProtQ9NRR4
Outros datos
Número EC3.1.26.3
LocusCr. 5 : (31.4 – 31.53 Mb)

Drosha é un encima ribonuclease III de clase 2 [1] que nos humanos está codificado no xene DROSHA (anteriormaente RNASEN) situado no cromosoma 5.[2][3][4] Intervén na maduración do miARN e na interferencia de ARN.

Función

Os membros da superfamilia da ribonuclease III de endorribonucleases específicas para ARN bicatenario participan en diversas vías de maduración e degradación do ARN en células eucariotas e procariotas.[5] A RNase III Drosha é a nuclease central que executa o paso de iniciación do procesamento do microARN no núcleo celular.[4][6]

Os microARNs (miARN) que se xeran desa maneira son moléculas curtas de ARN que regulan gran variedade de xenes ao interaccionar co complexo silenciador inducido por ARN (RISC) para inducir a clivaxe de ARNs mensaxeiros que presentan complementariedade de bases como parte da vía de interferencia de ARN. As moléculas de microARN sintetízanse como transcritos primarios longos chamados pri-miARN, que son despois clivados (cortados) por Drosha para producir unha estrutura característica en talo-bucle duns 70 pares de bases, chamada pre-miARN.[6] Drosha forma parte do complexo proteico chamado Complexo microprocesador, que tamén comtén a proteína de unión ao ARN bicatenario Pasha (tamén chamada DGCR8).[7] Pasha é esencial para a actividade de Drosha e pode unirse a fragmentos monocatenarios do pri-miARN que son necesarios para un correcto procesamento.[8]

A proteína Drosha humana clonouse en 2000, unha vez que foi identificada como unha ribonuclease de ARN bicatenario nuclear implicada no procesamento de precursores do ARN ribosómico.[3] Os outros dous encimas humanos que participan no procesamento e actividade do miARN son o Dicer e as proteínas Argonauta.

Tanto Drosha coma Pasha están localizadas no núcleo celular, onde ten lugar o procesamento do pri-miARN a pre-miARN. Esta última molécula continúa procesándose despois pola RNase Dicer dando os miARNs maduros no citoplasma da célula.[6] Drosha e Dicer participan ambos tamén na resposta aos danos no ADN.[9]

Importancia clínica

Drosha e outros encimas que procesan os miARNs poden ser importantes no prognóstico do cancro.[10] Tanto Drosha coma Dicer poden funcionar como reguladores mestres do procesamento dos miARNs e comprobouse que exercen unha regulación á baixa en certos tipos de cancro de mama.[11] Porén, a natureza da asociación entre o procesamento dos miARNs e a tumoroxénese non está clara.[12]

Notas

Véxase tamén

Bibliografía