Dodrans

O dodrans (voz latina) ou dodrante foi unha moeda da Antiga Roma de bronce emitida con carácter excepcional durante o período da República.[1][2][3]

Deseño dun dodrans feito por Henry Cohen para súa obra Description historique des monnaies frappées sous l'Empire romain

Historia

O dodrans ou dodrante, concibido cun valor de nove onzas e equivalente ás tres cuartas partes dun ás, foi emitido exclusivamente en dúas ocasións: en 127 a. de C, polo cónsul Marco Cecilio Metelo, e en 126 a. de C., polo maxistrado C. Cassio, quen paralelamente emitiu tamén outra denominación á marxe das regulares do sistema monetario: o bes.[4]

O dodrans de Metelo

A emisión máis antiga, a de Metello, amosa no seu anverso o busto de Vulcano ollando á dereita, cun sombreiro cónico (píleo) rodeado por unha coroa de loureiro; pinzas no ombreiro e S ••• detrás.

No reverso presenta a característica proa de barco das moedas romanas desta época, arredor M•METELLUS sobre escudo Macedonio, e S ••• abaixo.[5]

Ademais do dodrans, Metelo emitiu tamén un denario, un semis, un triens e un cuadrante.

O escudo macedonio e as grilandas de loureiro aluden á vitoria obtida polo pai do monetario, Quinto Cecilio Metelo Macedónico, en 148 a. de C, en tanto que a Vulcano se lle atribuía ser un devanceiro da familia de Metelo.

O dodrans de Cassio

No seu anverso preséntase a Vulcano ollando á dereita, con píleo e pinzas no ombreiro, e S ••• detrás. No reverso, un arco, C. CASSI arriba e S ••• á fronte.[6]

Este mesmo monetario, ademais do dodrans, emitiu algúns escasos exemplares de bes, de denario e de cuadrante.[7]

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

Ligazóns externas