Disturbios de Bradford

Os disturbios de Bradford foron un breve período de revoltas violentas que comezaron o 7 de xullo de 2001 en Bradford, West Yorkshire, Inglaterra. Aconteceron como resultado das fortes tensións entre a crecente comunidade asiática de Gran Bretaña e a maioría branca da cidade, situación que se agravou pola confrontación entre a Liga Anti-Nazi e grupos de extrema dereita como o Partido Nacional Británico e a Fronte Nacional.[1][2] Uns meses antes ocorreran disturbios raciais semellantes en zonas do norte de Inglaterra como, por exemplo, en Oldham no mes de maio ou en Burnley en xuño.[3]

O pub Upper Globe foi danado e quedou posteroirmente abandonado durante moito tempo.

Contexto histórico

Bradford é, dende unha perspectiva histórica, unha cidade de clase obreira. Experimentou un rápido crecemento durante o século XIX e desde entón recibiu varias ondas importantes de inmigrantes, entre os que destacan os irlandeses (século XIX), polacos (1940-1950) e persoas do sur de Asia. No momento das revoltas, Bradford era a segunda cidade do Reino Unido con maior poboación surasiática, con aproximadamente 68.000 paquistanís, 12.500 indios, 5.000 bangladesís e 3.000 persoas procedentes doutras zonas de Asia. Porén, a maior parte dos habitantes seguían sendo brancos. Segundo o censo de 2001, o 78,3% da poboación era de raza branca e o 19,1% procedían de países do sur de Asia.[4]

Malia que a poboación surasiática medrara en Bradford, había áreas habitadas maioritariamente por brancos e outras onde vivían principalmente surasiáticos, discútese se a segregación se produciu desde o inicio das migracións ou foi aumentando co tempo. Así mesmo tamén se debate se o fenómeno da Fuxida Branca se pode aplicar a Bradford e se realmente se pode falar da existencia de guetos nesta cidade. No momento das revoltas, o barrio de Bradford Moor contaba cun 67% de surorientais e o de Toller cun 64%.[5] Das 17.512 persoas que vivían na zona industrial de Manningham, 13.049 (74,5%) procedían do sur de Asia. Pola contra, o municipio de Tong[6] e o distrito de Wibsey contaban cun 93% e un 91% de poboación branca respectivamente.[7]

No mes de abril, xa se produciran algúns incidentes no exterior dun pub, cando comezaba unha voda hindú. Como consecuencia dos incidentes, nos que se queimou o pub e varios automóbliles foran detidos 3 homes.[8]

Detonante

Entre o 22 e o 24 de xuño tiveron lugar conflitos en Burnley; dous meses antes, houbera outros diturbios en Oldham. A tensión aumentou tras o intento de organizar unha manifestación na cidade por parte da Fronte Nacional Británica que fora prohibida polo Ministro do Interior, David Blunkett, baixo o Decreto de Orde Pública de 1986. Á Liga Anti-Nazi permitíuselle organizar unha concentración en Centenary Square, no centro da cidade. Durante o transcurso da manifestación, organizada o 7 de xullo,[9] algúns participantes estenderon o rumor de que os simpatizantes da Fronte Nacional se estaban reunindo nunha taberna no centro de Bradford.[10] Isto derivou nun enfrontamento onde un home de orixe asiática foi agredido con arma branca.[11] De acordo co Tribunal de Apelación, quizais foi este incidente o que desencadeou os disturbios.[12] Con todo, as investigacións posteriores entre as testemuñas presenciais contradín esta hipótese e apuntan máis ben á ausencia dun detonante concreto.[3]

Os disturbios

Estímase que nos disturbios estiveron involucrados ao redor de mil mozos.[13] Nas noites do 8 e do 9 de xullo de 2001, grupos de entre trinta e cen rapaces brancos atacaron á policía e aos negocios rexentados por asiáticos nas zonas de Ravenscliffe e Holmewood.[3] Nun primeiro momento despregouse unha forza policial de cincocentos oficiais pero cos reforzos chegouse a case mil policías.[14] O que comezou coma unha liorta transformouse nun conflito étnico, no que os negocios e os coches foron o branco principal, ademais de producírense numerosos ataques a tendas e propiedades. Un feito importante dos disturbios foi o ataque con bombas incendiarias ao Manningham Labour Club, un centro recreativo,[15] polo que foi encarcerado durante 12 anos por este incendio un empresario asiático de 48 anos.[16] O establecemento volveu abrir na primavera de 2006 nunha localización diferente, a 2,5 km de distancia do orixinal, na rúa de Bullroyd en Four Lane Ends. O local anterior foi rehabilitado na actualidade funciona como centro de saúde, centro cultural e farmacia. O acto máis custoso dos disturbios foi o incendio premeditado dun concesionario de BMW que xa fora atacado nuns altercados en 1955.[3]

Consecuencias

Máis de 300 axentes de policía foron feridos durante as revoltas. En canto aos participantes, houbo 297 arrestados, 187 persoas imputadas por delitos de alteración da orde pública, 45 por desordes violentas e 604 anos de prisión acumulados entre 200 penas.[17] O último acusado participante nos disturbios foi condenado seis anos e medio despois dos feitos. O número de condenas por motín non tiña precedentes na historia xurídica inglesa; a seguinte cantidade máis alta foi de cinco para unha investigación en Londres. O dano estimado foi de 27 millóns de libras[18] (uns 30 millóns de euros). A condena máis dura ditada en relación cos disturbios foi a do citado Mohammed Ilyas, un empresario local de 48 anos, que foi declarado culpable de incendio e imprudencia sobre se estaba en perigo a vida.[16] Foi condenado a 12 anos de prisión o 3 de xullo de 2003. A comunidade asiática entendeu que as condenas foron excesivas.[18]

O Informe Ouseley publicado o 7 de marzo de 2005 recomendou un "programa popular" para traer harmonía á cidade. Posteriormente, o goberno encargou o informe Cantle que fixo 67 recomendacións.[19] En 2006, Channel 4 produciu un drama de non ficción, Bradford Riots, dirixido por Neil Biswas. A película contou a historia dos disturbios de 2001 desde a perspectiva dunha familia asiática.[20]

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas