Desvirgheitors

Desvirgheitors foi unha banda galega de punk rock nacida en Vigo en 1987. Tras varios cambios na formación, o grupo lanzou o seu único álbum de estudio, Desvirgheitors, en 1993, separándose pouco despois.[1][2][3]

Desvirgheitors
OrixeVigo, Galicia Galicia
Período1986 - 1993
Xénero(s)punk rock
Selo(s) discográfico(s)Fobia
Antigos membrosXavi Vilar (voz)
Julio (guitarra)
Pili Dios (baixo)
Miguel "Spi" (batería)
Jose Antenas (guitarra)
Julio (batería)
Tano (guitarra)
David (guitarra)
Beni (guitarra)

O grupo está considerado como un dos pioneiros do punk en Galicia,[1] sendo unha importante influencia para conxuntos posteriores como Skacha ou Keltoi!.[3]

Historia

Desvirgheitors naceu en Vigo no ano 1986. A súa formación orixinal estaba composta por Pili Dios (baixo), Miguel Spi (batería), Julio (guitarra) e Xavi Vilar (voz), e as súas influencias iniciais eran grupos de punk rock ou crossover thrash como UK Subs, Sex Pistols, The Exploited e Suicidal Tendencies.[1]

En 1987 (ou 1989 segundo outras fontes)[3][4] a banda publicou a súa primeira maqueta, un casete autotitulado de 11 temas gravados con Julián Hernández de Siniestro Total.[1][3][5]

En 1990 entrou na banda o guitarra Jose Antenas e marcharon o batería Miguel Spi e o guitarrista Julio, pasando Xavi a encargarse da batería e das voces. Pouco despois uniríanse a eles dous membros da banda viguesa Kruze de Kables, Julio (batería) e Tano (guitarra).[1][3]

En 1991 esta formación lanzou a segunda maqueta da banda, Demo 91. O casete, de 15 cancións e cunha tirada duns 500 exemplares, foi recoñecido polo fanzine de tirada nacional Reptil'Zine como a mellor maqueta de 1992.[3] Grazas ao éxito deste traballo Desvirgheitors pasaría a realizar concertos fóra de Galicia, tocando en Euscadi, Asturias e Madrid.[2]

Este éxito traduciuse tamén na gravación de dous temas para o recompilatorio do selo Discos Suicidas Deserción (1992), onde aparecerían xunto a importantes bandas estatais como Reincidentes, Andanada 7, Parabellum ou Spatek.[1][3] Antes da gravación das dúas cancións para o recompilatorio, “Los ricos también roban” e “Unha de guerra”, José Antenas deixou a banda e foi substituído por David á guitarra solista.[3]

Pouco despois marcharía o guitarrista rítmico, Tano, sendo substituído por Beni. Tras o cambio dos dous guitarristas o son do grupo comezou a achegarse ao hardcore punk e ao metal.[2][3] Con esta derradeira formación a banda gravou o seu único álbum de estudio, Desvirgheitors, publicado en 1993 polo selo madrileño Fobia.[3][1] Neste disco a banda cantaba case a metade dos seus temas en lingua galega e trátase tamén do primeiro exemplo de crossover thrash feito en Galicia.[6]

Tras o lanzamento do álbum realizarían unha xira por Galicia e Alemaña e pouco despois a banda disolveríase.[3][1]

Homenaxes

No seu EP de 2001 Estado de sitio, o grupo vigués Skacha versionou o tema "Paraísos perdidos", aparecido na maqueta Demo 91.[7] De feito, a primeira maqueta de Skacha fora gravada no local de Desvirgheitors, e as dúas bandas ensaiaban unha preto da outra.[8]

No ano 2005 a banda de Lalín Tiro Na Testa incorporou no seu álbum Ag​ü​é​cate el Pel​í​cano unha versión da canción "Polvo amargo", aparecida orixinalmente no Demo 91.[9]

A banda de oi! viguesa Keltoi! realizou unha versión de "La unidad", do Demo 91, para o seu álbum de 2010 A Nosa Cinza.[10]

No documental de Iago Santás Semente de berrar, estreado en decembro de 2021 e que repasa os últimos 40 anos "de ruído e rúa na Galiza", aparece a baixista de Desvirgheitors Pili Dios.[11]

O dúo vigués de black metal Dioivo versionou o tema “Unha de guerra”, coa colaboración de Pili Dios, para o recompilatorio Ferro e Pedra: Homenaxe ós Precursores, editado o día das letras de 2023 como tributo a bandas galegas das últimas décadas.[12][13]

Discografía

Álbums

ÁlbumAnoSeloNotas
Desvirgheitors1987autoeditadamaqueta
Demo 911991autoeditadamaqueta
Desvirgheitors1993Fobiaálbum

Notas