Darrell Arthur

baloncestista estadounidense

Darrell Antwonne Arthur, nado o 25 de marzo de 1988 en Dallas (Texas), é un ex xogador profesional de baloncesto estadounidense. Mide 2,06 metros de altura, e xogaba na posición de ala-pivote. Foi campión da NCAA coa Universidade de Kansas en 2008. É curmán do aleiro Quinton Ross.[1]

Darrell Arthur
PosiciónAla-pivote
Información persoal
Nacemento25 de marzo de 1988 (36 anos)
Dallas, Texas
NacionalidadeEstados Unidos de América Estados Unidos
Altura2,06 m (6 ft 9 in)
Peso oficial107 kg (235 lb)
Información da carreira
UniversidadeKansas (2006–2008)
NBA Draft2008 / Rolda: 1 / Elección: 27
Por New Orleans Hornets
Carreira2008–2018
Historial de equipos
Memphis Grizzlies (2008–2013)
Denver Nuggets (2013–2018)

Traxectoria

Universidade

Xogou durante dúas tempadas cos Jayhawks da Universidade de Kansas. Na súa primeira tempada, xogando ao carón do que sería primeira rolda do Draft da NBA de 2007 Julian Wright, fixo 9,8 puntos e 4,7 rebotes en 19,0 minutos de xogo, sendo ademais o líder do equipo en tapóns, conseguindo 1,5 por partido. Foi elixido no mellor quinteto freshman da Big 12 Conference.

Na súa segunda e derradeira tempada foi o segundo máximo anotador do equipo (12,8 puntos por partido) e o segundo máximo reboteador (6,3), rematando na cuarta posición da Big-12 en porcentaxe de tiros de campo (54,3%). Chegou co seu equipo á final da NCAA, na cal erixiuse coma líder dos Jayhawks ante a Universidade de Memphis, conseguindo 20 puntos e 10 rebotes, anotando 9 de 13 en tiros de campo.[2] Foi elixido no mellor quinteto da Big 12. Durante a súa traxectoria en Kansas levou na camiseta o número 00 (dobre 0), que non levara ninguén dende Greg Ostertag. No total da súa traxectoria coma universitario fixo 11,3 puntos e 5,5 rebotes por partido, cunha porcentaxe de tiro do 54,1%.[3]

Selección nacional

Foi elixido para representar ao seu país coa selección dos Estados Unidos nos Campionatos do Mundo sub-19 celebrados en Novi Sad (Serbia), pero non puido xogar por unha rotura na súa perna esquerda.

Profesional

Arthur foi elixido na 27ª posición do Draft da NBA de 2008 por New Orleans Hornets, pero foi inmediatamente traspasado aos Portland Trail Blazers a cambio de diñeiro, os cales o traspasaron á súa vez aos Houston Rockets a cambio dos dereitos do francés Nicolas Batum, elixido no posto 25. Pouco despois, os Rockets o traspasaron de novo, desta vez aos Memphis Grizzlies a cambio de Donte' Greene, elixido no mesmo draft no posto 28.[4] O 8 de xullo dese mesmo ano asinou un contrato polos Grizzlies.[5]

O 27 de xuño de 2013, Arthur foi traspasado xunto a Joffrey Lauvergne ós Denver Nuggets a cambio de Kosta Koufos.[6]

O 13 de xullo de 2018, Arthur foi traspasado xunto a Kenneth Faried e dúas futuras eleccións do Draft ós Brooklyn Nets, a cambio de Isaiah Whitehead.[7] Sete días máis tarde foi traspasado ós Phoenix Suns a cambio de Jared Dudley e unha elección da segunda rolda do Draft de 2021.[8] O 15 de outubro de 2018, foi cortado polos Suns.[9]

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas