Complexo de ataque á membrana

complexo proteico

O complexo de ataque á membrana ou CAM (en inglés MAC, membrane attack complex) é un complexo proteico do sistema do complemento sanguíneo que se forma tipicamente na superficie de bacterias patóxenas como resultado da activación das vías alternativa ou clásica do sistema do complemento do sistema inmunitario do organismo hóspede. O complexo de ataque á membrana forma canais transmembrana que interrompen a bicapa de fosfolípidos da membrana das células diana, orixinando a súa lise e morte.[1][2]

Un complexo de ataque á membrana unido á membrana dunha célula patóxena.

Na ensamblaxe deste complexo interveñen varias proteínas. O compoñente C5b do complemento activado únese a C6 para formar o complexo C5b-6, despois a C7 formando o complexo C5b-7. O complexo C5b-7 únese a C8, que está composto por tres cadeas (alfa, beta, e gamma), formando así o complexo C5b-8. Seguidamente C5b-8 únese a C9[3][4][5] e actúa como un catalizador na polimerización de C9, xa que se unen varias unidades de C9. O complexo de ataque á membrana activo ten unha composición final que é C5b-C6-C7-C8-C9{n}.

Estrutura e función

Está composto por catro proteínas (C5b, C6, C7, e C8), que se unen á superficie externa da membrana plasmática, xunto con moitas copias dunha quinta proteína chamada C9, que se enganchan unhas a outras formando un anel que atravesa a membrana. C6, C7, C8 e C9 conteñen un dominio MACPF común.[6] Esta rexión é homóloga ás citolisinas dependentes de colesterol das bacterias grampositivas.[7]

A estrutura en anel formada por C9 é un poro na membrana que permite a libre difusión de moléculas dentro e fóra da célula. Se se forman moitos destes poros, a célula non pode sobrevivir.

Iniciación: C5-C7

Complexo de ataque á membrana.

O complexo de ataque á membrana iníciase cando a proteína do complemento convertase de C5 cliva o C5 orixinando C5a e C5b.

Outra proteína do complemento, C6, únese a C5b.

O complexo C5bC6 únese a C7.

Esta unión altera a configuración da molécula proteica expoñendo un sitio hidrofóbico en C7, o que permite que C7 se insira na bicapa fosfolípidica do patóxeno.

Polimerización: C8-C9

Sitios hidrofóbicos similares de C8 e moléculas de C9 quedan tamén expostos cando se unen ao complexo, polo que poden tamén inserirse na bicapa.

C8 é un complexo feito de dúas proteínas C8-beta e C8 alfa-gamma.

C8 alfa-gamma ten unha área hidrofóbica que se insire na bicapa. C8 alfa-gamma induce a polimerización de 10-16 moléculas de C9 nunha estrutura formadora de poros coñecida como o complexo de ataque á membrana.

  • Ten unha cara externa hidrofóbica coa que se asocia á bicapa.
  • Ten unha cara interna hidrofílica para permitir o paso de auga.

Inhibición

CD59 actúa inhibindo o complexo. Este complexo existe nas células do corpo para protexelas da posible formación nelas do complexo de ataque á membrana.Nos glóbulos vermellos orixínase unha rara condición médica chamada hemoglobinuria nocturna paroxismal cando estes carecen de CD59. Estes glóbulos vermellos poden, por tanto, ser lisados polo complexo de ataque á membrana.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas