Ciencia patolóxica

Denomínase ciencia patolóxica a calquera proceso na ciencia no cal se engana á xente con resultados falsos debido a efectos subxectivos, pensamento desiderativo ou interaccións sen base real.

Definición

Irving Langmuir foi quen cuñou o termo pathological science (ciencia patolóxica).

O termo foi utilizado por primeira vez por Irving Langmuir, químico gañador do premio Nobel, durante un coloquio en 1953 no Laboratorio de Investigación Knolls.

Langmuir dixo que a ciencia patolóxica é unha área de investigación que simplemente non desaparece, aínda despois de ser abandonada e tida como "falsa" pola maioría dos científicos do campo correspondente. Chamou ciencia patolóxica á "ciencia das cousas que non son tales".[1][2]

Segundo a definición de Langmuir, é un proceso psicolóxico no que un científico, que orixinalmente se axustara ao método científico, inconscientemente desvíase del, e comeza un proceso patolóxico da interpretación de datos ilusorios (máxicos).[3]

Langmuir nunca tivo a intención de que o termo fora rigorosamente definido, senón que simplemente comezou como o título da súa charla sobre algúns exemplos de ciencia rara.

Ao igual que con calquera intento de definir a actividade científica, sempre se poden encontrar exemplos e contraexemplos.

Características

Algunhas das características da ciencia patolóxica son:

  • O efecto observábel máximo prodúcese por un axente causante de intensidade apenas perceptíbel, e a magnitude do efecto é substancialmente independente da intensidade da causa.
  • A magnitude do efecto está próxima ao límite da detectabilidade, ou son necesarias moitas medidas debido á baixa significación estatística dos resultados.
  • Propóñense teorías fantásticas contrarias á experiencia.
  • As críticas resólvense con escusas ad hoc.

Uso do termo

Bart Simon inclúe entre as prácticas que pretenden ser ciencia categorías como: pseudociencia, afeccionados á ciencia ou ciencia amateur, ciencia fraudulenta, mala ciencia, ciencia lixo, ciencia popular, ciencias ocultas ou esotéricas, entre outras.[4]

Exemplos de ciencias patolóxicas poden ser, entre outras, "as canles de Marte", os raios N, poliauga, memoria da auga e a fusión fría. As teorías e as conclusións de todos estes exemplos son rexeitadas pola maioría dos científicos, con só un pequeno número de excepcións.

Henry H. Bauer, profesor emérito en estudos de química e defensor da controvertida negación da SIDA, criticou o termo dicindo que a ciencia patolóxica "non é unha mala conduta científica (nin tampouco é patolóxica)", e que carece de xustificación para o entendemento contemporáneo de estudos de ciencias como historia, filosofía e socioloxía da ciencia, polo que serían horas de abandonar a frase.[5]

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas