Unha cidade estado[1] é unha rexión soberana controlada exclusivamente por unha cidade, un Estado composto unicamente dunha cidade. Actualmente os seguintes Estados teñen a cosideración de cidades estados:
As primeiras cidades estado (polis) formaban ligas na Grecia clásica. Por exemplo, a liga espartana e a liga ateniense eran conxuntos de cidades que tomaban partido por unha das dúas cidades en guerra (neste caso Atenas ou Esparta). Politicamente independentes, uníanse no esforzo bélico para resolve-las súas disputas. No caso dunha ameaza ó conxunto de polis, uníanse todas contra o invasor estranxeiro como, por exemplo, a liga do Peloponeso contra os persas ou os medos nas guerras médicas.
As cidades estado teñen contribuído ao desenvolvemento da civilización nunha medida enormemente desproporcionada en comparación co seu tamaño. Algúns dos períodos máis creativos da historia humana son aqueles nos que a humanidade se organizaba en pequenos centros independentes. Porén, estas entidades sobrevivían durante períodos de tempo breves debido ao seu tamaño e poder de defenderse contra outras entidades maiores. Por outra banda, o seu éxito ao coexistir como partes desunidas dunha unidade xeográfica e cultural laxa, como en Italia ou Grecia, actuaba como barreira para a creación de unidades nacionais de maior permanencia. En consecuencia, daban paso a formas de organización social máis amplas, o imperio e finalmente a nación-estado.