Chesús Yuste

político aragonés

Chesús Yuste Cabello, nado en Zaragoza, 6 de decembro de 1963, é un escritor e político nacionalista aragonés, membro de Chunta Aragonesista, do que chegou a ser secretario xeral. Foi deputado pola provincia de Zaragoza tanto nas Cortes de Aragón como no Congreso dos Deputados.

Infotaula de personaChesús Yuste

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento6 de decembro de 1963 Editar o valor em Wikidata (60 anos)
Zaragoza, España Editar o valor em Wikidata
Deputado no Congreso dos Deputados
29 de novembro de 2011 – 2 de xullo de 2014 – Álvaro Sanz Remón →

Circunscrición electoral: Zaragoza

Deputado nas Cortes de Aragón
Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de Zaragoza Editar o valor em Wikidata
Actividade
Lugar de traballo Madrid Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónescritor , político Editar o valor em Wikidata
Partido políticoChunta Aragonesista Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

BNE: XX5022360

Traxectoria

Nado e criado na cidade de Zaragoza, logo de rematar os seus estudos secundarios no colexio La Salle-Gran Vía da capital aragonesa, cursou a carreira de Historia e Xeografía na Universidade de Zaragoza, onde se licenciou na materia. Traballou como técnico en comunicación.[1]

Actividade política

De profundas ideas aragonesistas e progresistas, participou xunto a un centenar de persoas na fundación do partido político Chunta Aragonesista (CHA) o 29 de xuño de 1986. Encabezou a candidatura do seu partido pola provincia de Zaragoza nas eleccións ao Congreso dos Deputados de 1993, conseguindo uns resultados que lle impediron ser elixido, pero que duplicaban os que conseguira o partido en 1989. Tras asumir diversas responsabilidades internas, a IV Asemblea Nacional de CHA de xaneiro de 1995 elixiuno vicesecretario xeral. Uns meses máis tarde, nas eleccións a Cortes de Aragón de 1995, foi elixido como un dos dous primeiros representantes da Chunta nas Cortes, cargo que revalidaría sucesivamente nas eleccións de 1999, 2003 e 2007.[2][3][4][5][6]

A V Asemblea Nacional de 1998 designouno secretario xeral, cargo que desempeñou até a VI Asemblea de 2001. Foi precisamente durante o seu mandato cando o partido conseguiu entrar por primeira vez no Congreso ó resultar elixido deputado José Antonio Labordeta nas eleccións de 2000.[3][3][7][8]

Chesús Yuste (de pé no centro) durante a I Asemblea Nacional de CHA, en 1986.

Nas eleccións rexionais de 2011 non se presentou como candidato, pondo así fin a un dilatado período de 16 anos como representante no parlamento aragonés. Porén, poucos meses máis tarde volveu encabezar a candidatura provincial nas eleccións ao Congreso dos Deputados de 2011, esta vez formando CHA coalición con Esquerda Unida. Nesta ocasión si conseguiu ser elixido para a décima lexislatura, aínda que o pacto entre as dúas formacións estabelecía que debía renunciar ó cargo ó cabo de 31 meses en favor do segundo candidato e membro de Esquerda Unida, Álvaro Sanz. Dentro do Congreso, integrouse no grupo parlamentario da Esquerda Plural, formado polos representantes de Esquerda Unida, Iniciativa por Cataluña Verdes e Chunta Aragonesista. A súa intensa actividade parlamentaria motivou que diversos medios lo sinalasen como «o deputado máis activo».[9][10][11][12][13][14]

Entre as súas moitas actividades como deputado estivo a de ser membro e coordinador da Asociación Parlamentaria en Defensa dos Animais (APDDA), unha organización que integra a parlamentarios de diferentes forzas políticas preocupados pola protección dos animais. Entre as diversas iniciativas expostas está a proposta de retirar a categoría de Festa de Interese Turístico Nacional ó Torneo do Touro de la Vega.[15]

Yuste renunciou á súa acta de deputado en xullo de 2014 en virtude do pacto electoral asinado polo seu partido con Esquerda Unida. A súa despedida da cámara viu como unha parte da súa última moción era apoiada polo Congreso por unanimidade.[16]

A súa longa traxectoria desempeñando tantos cargos internos como electos converteuno nun dos líderes máis representativos da Chunta Aragonesista.[17]

Notas