Charles E. Barber

deseñador de moeda anglo-estadounidense

Charles Edward Barber, nado en Londres, Inglaterra, o 16 de novembro de 1840, e finado en Filadelfia, Pensilvania, o 18 de febreiro de 1917, foi un deseñador e gravador de moeda, o sexto en ocupar o posto de gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos, desde 1879 ata o seu falecemento.[1][2]

Infotaula de personaCharles E. Barber

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento16 de novembro de 1840 Editar o valor em Wikidata
Londres Editar o valor em Wikidata
Morte18 de febreiro de 1917 Editar o valor em Wikidata (76 anos)
Filadelfia, Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Lugar de sepulturaMount Peace Cemetery (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos
Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEstados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballoGravado Editar o valor em Wikidata
Ocupacióngravador Editar o valor em Wikidata

WikiTree: Barber-14132 Find a Grave: 66126304 Editar o valor em Wikidata

A carreira de Barber, sempre relacionada coa moeda, foi longa e frutífera, xa que el foi o responsable do deseño da maioría das moedas producidas pola US Mint durante o seu período como gravador xefe, á parte dunhas 30 medallas ao longo da súa vida.[1][3]

Ademais das series de moeda circulante para os EEUU, destacan entre as súas creacións diversas moedas conmemorativas, algunhas delas en asociación co seu gravador axudante George T. Morgan. Barber ocupouse dos anversos e Morgan dos reversos de varias destas moedas, como é o caso do medio dólar colombino ou o medio dólar da Exposición Panamá-Pacífico de San Francisco, en 1915. Para países estranxeiros Barber deseñou tamén algunhas moedas, como a serie do dólar hawaiano de 1883 e diversos valores en centavos de peso para Cuba en 1915.

Traxectoria

Vida familiar

Fotografía de Charles E. Barber.

Charles E. Barber era fillo de William Barber, quen o precedeu no posto de gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos. O nome da súa nai era Anna Maria e Charles tivo un irmán e dúas irmás.[1][2][4][5]

En 1852 emigrou aos EEUU desde a súa Inglaterra natal xunto coa súa familia.[2]

En 1869, cando tiña 29 anos, foi nomeado gravador axudante da ceca de Filadelfia, unha das que compoñen a US Mint. Once anos máis tarde, o 20 de xaneiro de 1880, foi nomeado polo presidente Rutherford B. Hayes para suceder o seu pai no posto de gravador xefe. [2][6][4]

Charles Barber casou en primeiras nupcias con Martha E. Jones, quen faleceu en 1899. En 1902 contraeu novamente matrimonio, con Caroline Gaston (1846-1950), que sería a súa muller ata a morte de Barber en 1917.[7] Do seu primeiro matrimonio naceu unha filla en 1875, Anna May, que morreu en 1876. Dez anos máis tarde, Charles e Martha tiveron unha segunda filla, chamada Edith (1886-1970), que custodiou os arquivos persoais do seu pai antes de pasar aos Arquivos Nacionais dos EEUU.[8][9]

Viaxe por Europa

Por petición do presidente Roosevelt e do director da ceca estadounidense, George E. Roberts, Barber fixo en 1905 unha viaxe por Europa para visitar varias casas de moeda, nunha misión de intercambio de información, co obxectivo de observar e comentar as prácticas habituais nas cecas europeas e mellorar logo a eficiencia da US Mint. Os informes que redactou á súa volta para a súa entrega a Roberts, xunto con algúns apuntamentos autógrafos do propio Barber, forman parte hoxe do acervo dos Arquivos Nacionais dos Estados Unidos.[10]

Barber soubo conciliar a perspectiva profesional da viaxe cunha vertente máis familiar, xa que se compañou da súa segunda esposa, Caroline, e a súa filla Edith, que daquela tiña 19 anos. No diario da viaxe escrito por esta última detállanse datos do seu itinerario, así como diversas reflexións persoais sobre o seu pai.[10][9]

Personalidade e relacións persoais

Os gravadores da ceca de Filadelfia en 1910. Charles E. Barber e o seu axudante, George T. Morgan, son, respectivamente, o segundo e terceiro dos sentados (de esquerda a dereita).

Malia terse escrito moito acerca da hostilidade existente entre Barber e o seu axudante Morgan, en recentes investigacións quedou concluintemente refutada tal relación, algo, por outra banda, esperable, á vista dunha carreira conxunta na Casa de Moeda dos EEUU ao longo de 40 anos.[1][11][12]

Asemade, tamén rexeitando algunha hipótese en sentido contrario, a relación persoal entre Barber e o presidente Theodore Roosevelt foi sempre cordial. Malia ser certo que Roosevelt quixo que a moeda dos EEUU nos inicios do novo século tivese un aspecto máis moderno, polo que solicitou tamén propostas de deseño doutros artistas externos á US Mint, iso non empanou a relación entre ambos. Os descendentes de Barber posúen obxectos que proban unha cálida relación persoal.[11][12]

No aspecto artístico, recibiu nalgunha ocasión críticas pola escasa imaxinación plasmada nos seus deseños. Porén, autores como R. W. Julian suxiren que Barber "era quen de facer traballos magníficos cando se lle deixaban libres as mans".[13]

É unha evidencia que Charles Barber foi unha persoa respectada e apreciada dentro do Departamento do Tesouro e da Casa de Moeda dos Estados Unidos; ata tal punto que as bandeiras da ceca de Filadelfia ondearon a media hasta o día do seu funeral, por decisión do director da institución. Desde aquel momento, ningún outro funcionario da Casa da Moeda, independentemente do seu rango, volveu recibir honra semellante.[11][12]

Charles E. Barber morreu o 18 de febreiro de 1917 e foi soterrado tres días máis tarde xunto coa súa primeira esposa Martha e a súa filla Anna May no cemiterio Mount Peace, de Filadelfia.[1][2][8]

Barber foi sucedido por George T. Morgan como gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos.[2]

Obras sobranceiras

Moeda circulante

Emisións conmemorativas

Moedas estranxeiras

Probas e pezas experimentais

Medallas

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

Ligazóns externas

Predecesor:
William Barber

Gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos

1880 - 1917
Sucesor:
George T. Morgan