Ceraunius Tholus

Ceraunius Tholus é un volcán situado en Marte, dentro do cuadrángulo de Tharsis a 24° de latitude norte e 262,75° de lonxitude este,[1] e fai parte do grupo de volcáns Uranius. Ten 130 km de ancho, 5,5 km de altitude e recibiu o nome dun antigo accidente xeolóxico.

Ceraunius Tholus
Mosaico feito co instrumento THEMIS, a bordo da 2001 Mars Odyssey, onde se pode ver Ceraunius Tholus (o volcán inferior) e Uranius Tholus (o volcán superior).
Tipo de accidente xeolóxicoTholus
Accidente xeolóxico deMarte
Diámetro128,58 km km[1]
Altitude5,5 km[2]
Coordenadas24° N 262,75° E[1]
Procedencia do nomeNome dun antigo accidente xeolóxico.[1]

Polo xeral pénsase que ten un escudo basáltico coa parte inferior soterrada baixo a chaira formada por lavas. As interpretacións anteriores suxerían que era un estratovolcán.[2] As ladeiras de Ceraunius Tholus son bastante empinadas cunha pendente media de 8°, con moitas canles de erosión radial e vales esfuracados que se estenden dende abaixo do bordo da caldeira cara á base do volcán. A hipótese actual é que os vales foron erosionados pola auga.[3][4] As características máis interesantes de Ceraunius Tholus son tres grandes canóns no flanco noroeste de Ceraunius Tholus, que son de ata 2,5 km de ancho e 300 m. de profundidade. O máis grande destes tres tamén parece se-lo o máis novo e sobresae dende o punto máis baixo da caldeira volcánica e remata no interesante cráter Rahe (un cráter de impacto oblicuo con medidas de 35 × 18 km.), xusto ó norte do volcán onde formou un deposito en forma de abano. A súa orixe é aínda discutible e hai catro principais modelos propostos: a acción fluída, os fluxos volcánicos, o val é unha canle de lava ou algunha combinación de modelos anteriormente mencionados.[5]

Ceraunius semella pequeno en comparación con outros volcáns máis grandes, pero é case tan alto coma o Monte Everest da Terra.[6]

A caldeira de Ceranius Tholus tamén está salpicada de moitos pozos de colapso, que son distintos dos cráteres de impacto xa que non teñen anel e varían en abundancia ó longo da caldeira. Ceraunius Tholus probablemente formouse durante o período Hesperiano tardío.

Glaciares

Algúns científicos cren que os glaciares poden existir en moitos dos volcáns de Tharsis incluíndo a Olympus Mons, Ascraeus Mons e Pavonis Mons. Os glaciares de Ceraunius Tholus poderíanse ter derretido no pasado para formar algúns lagos temporais. A suavidade e o liso do chan da caldeira de Ceraunius Tholus suxire que no pasado a auga de desxeo acumulábase nun lago situado na mesma caldeira do volcán.[7]

Medio ambiente ó redor de Ceraunius Tholus

Ceraunius Tholus está na elevación de Tharsis, tamén chamada protuberancia de Tharsis. [3] Tharsis é unha terra de grandes volcáns. Olympus Mons é o volcán máis alto coñecido. Ascraeus Mons e Pavonis Mons teñen polo menos 320 km de ancho e teñen máis de 10 km de altitude por riba da meseta na que se asentan. A meseta está entre 4,8 a 6,44 km quilómetros por riba da altitude cero de Marte.[8]

Mapa do cuadrángulo de Tharsis coas características principais indicadas. Tharsis contén moitos volcáns, incluíndo a Olympus Mons, o volcán máis alto do Sistema Solar.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

  • Tharsis Tholus.
  • Biblis Tholus.
  • Ulysses Tholus.

Ligazóns externas