Casa de moeda

"Ceca" redirixe aquí. Para outros usos véxase: Ceca (homónimos) e Casa de moeda (homónimos).

Unha casa de moeda, coñecida tamén como ceca (do árabe: sikkah, "casa de moeda") ou obradoiro monetario, entre outros, é un establecemento fabril dedicado á fabricación de moeda, habitualmente polo método da cuñaxe, ben dun xeito artesanal ou ben de maneira Industrial, en función da época.[2][3]

Xilografía do século XVI, na que Maximiliano I aprende a cuñaxe nunha casa de moeda[1]

Historia

Evolución da actividade nas casas de moeda

Artigo principal: Cuñaxe.
Baixorrelevo en Rostock, Alemaña, que reproduce a cuñaxe a martelo nunha casa de moeda

A fabricación de moeda nos seus inicios foi un proceso artesán, a golpe de martelo sobre discos metálicos recortados á man con tesoiras.[4] En épocas grega e romana as técnicas avanzaron en certa medida, aínda que eran substancialmente as mesmas, e non foi ata o século XVI, coa instalación nas casas de moeda da primeira maquinaria, cando o proceso de cuñaxe coñeceu un verdadeiro avance.[5]

A cuñaxe de moeda foi habitualmente un privilexio dos monarcas. As casas reais posuían as súas propias cecas, que inicialmente consistían en pequenos obradoiros de gravadores e ferreiros, en ocasións de carácter itinerante, que viaxaban coa corte.[6]

Na Península Ibérica, os musulmáns utilizaban nas súas casas de moeda técnicas máis avanzadas durante a Idade Media, sobre todo nas súas cecas principais de Córdoba e Medina Azahra, e influíron moi notablemente no desenvolvemento da actividade, particularmente cando os reis cristiáns retomaron o poder.[7]

Prensa de cuñaxe utilizada nunha casa de moeda

O rei castelán-leonés Afonso VI deu un paso importante na modernización do proceso de cuñaxe, coa creación de dúas casas de moeda estables, en Toledo e en León, onde cuñou ao seu nome moedas con valor dun diñeiro nunha aliaxe popuco común ata a época, denominada billón, á base de prata e cobre, que foi moi utilizada nas emisións de moeda miúda dos reinos cristiáns.[8]

As cecas eran adoito estables á fin do período medieval, mais, así e todo, seguían a semellar máis obradoiros artesanais que importantes fábricas de diñeiro. En 1553, o calcógrafo francés Antoine Brucher inventou o laminador, unha máquina accionada por un muíño que fabricaba láminas de metal dun grosor constante facendo pasar lingotes varias veces entre dous cilindros ou rolos de metal duro. Esta innovación, xunto coa da chamada prensa de volante, coa que se lograba inicialmente o recorte de discos uniformes e, nun segundo momento, a cuñaxe dos discos grazas á inercia provocada por un gran volante, supuxeron o abandono da cuñaxe a martelo nas casas de moeda e o inicio do proceso industrial de produción de moeda.[9] Esas primeiras máquinas, de considerables dimensións, tiñan que ser instaladas en instalacións máis grandes que os tradicionais obradoiros.[10][11]

A casa de moeda de Hamburgo

A partir destas invencións e, particularmente, cos avances achegados pola Revolución Industrial, comezaron a sucederse a melloras no proceso. Cara a 1790, os industriais ingleses Matthew Boulton e James Watt inventaron unha nova prensa movida por vapor na súa fábrica de Soho, en Birmingham, que daba un rendemento de 50 pezas por minuto.[12] Probada inicialmente polos comerciantes franceses irmáns Monneron, o uso da nova prensa xeneralizouse na Royal Mint de Inglaterra, a partir de 1805.[13] En 1817, o alemán Uhlhorn perfeccionou o modelo ata chegar a lograr un rendemento de 100 moedas cuñadas por minuto.[14] E un novo paso deuno en 1830 o enxeñeiro suízo Jean Pierre Droz, quen introduciu no sistema a posibilidade de cuñar tamén o canto da moeda, de xeito simultáneo ao do anverso e o reverso.[15][16]

O avance máis recente na evolución dos métodos utilizados nas casas de moeda produciuse no inicio do século XX, cando a electricidade substituíu o vapor como sistema para mover as prensas. Ademais, os avances da electrónica e da informática, o deseño asistido por computador e o control numérico computerizado aplicado á elaboración dos cuños, así como a incorporación de novos materiais, fixeron que a produtividade chegase a cantidades como as 800 pezas por minuto nas factorías máis modernas, como a fábrica da Monnaie de Paris en Pessac ou a Fábrica Nacional de Moneda y Timbre de España.[17][18][19]

Cuartel de San Domingos, sede da Real Casa da Moeda da Coruña

Casas de moeda de Galicia ao longo da historia

Artigo principal: Moeda cuñada en Galicia.
Instalacións da Real Casa da Moeda de Xuvia (á dereita), ao pé do Río Xuvia
Rúa da Moeda Vella, onde é probable que estivese a antiga casa de moeda de Santiago de Compostela

O primeiro obradoiro monetario que funcionou en territorio galego tivo carácter itinerante na contorna da cidade de Lugo, e nel cuñáronse ases, dupondios e outros valores de bronce do sistema monetario romano durante as Guerras Cántabras, a nome de Octavio Augusto, en torno ao ano 25 a. de C.[20][21][22]

Xa en época da dominación visigoda, establecéronse en Galicia pequenos establecementos monetarios de carácter artesanal onde se cuñaron moedas de ouro chamadas tremissis. Algúns dos coñecidos estaban situados en localidades como Arros (Arón, Cedeira), Aurense (Ourense), Aviono (Avión), Bergancia (Betanzos), Catora (Catoira), Giorres (Valdeorras), Inceio (O Incio), Iria (Santiago de Compostela), Lucu (Lugo), Pincia (Pinza), Tornio (Torroña), Tude (Tui), Fraucello e outras de atribución incerta.[23][24]

Durante a Idade Media foi moi salientable a actividade da ceca de Santiago de Compostela, que se establece no reinado de Afonso VI a finais do século XI, e, particularmente, a Real Casa da Moeda da Coruña, que estendeu a súa actividade ata o século XVII, durante o reinado de Carlos II.[25][26] En tanto que a localización da ceca compstelá se descoñece (aínda que dá algunha pista a existencia da "rúa da Moeda Vella"), o derradeiro edificio ocupado polo establecemento coruñés foi o do posterior Cuartel de San Domingos.[27][28] Aínda que con carácter máis excepcional, na Idade Media cuñáronse tamén moedas en casas de moeda establecidas en Lugo (séculos XI e XII), en Tui e en Milmanda, a nome do rei portugués Fernando I (século XIV), e tamén probablemente en Ourense (século XII).[29][30][31]

Xunto co taller coruñés, cuñou tamén moeda en Galicia durante a Idade Moderna a Real Casa da Moeda de Xuvia, situada nunha fábrica de cobrería entre os concellos de Neda e Narón. Nesta casa de moeda, a derradeira das existentes en Galicia, cuñáronse moedas de cobre durante os reinados de Fernando VII e de Isabel II, entre 1811 e 1868.[32][33][34][35]

A palabra "ceca" deu lugar a unha frase feita que, con variantes, se estende por todas as linguas románicas peninsulares: "da ceca para a Meca" ou "de ceca en Meca" (en galego), "de la ceca a la Meca" ou "de ceca en meca" (en castelán), "ir de seca a Meca" (en portugués) e "córrer la seca, la Meca i la vall d'Andorra" (en catalán). En todos os casos, o sentido é o de ir dun sitio para o outro, de aquí para aló.[36][37][38][39][40]

Casas de moeda oficiais en funcionamento no mundo

PaísNomeFundaciónNotas
AlemañaStaatliche Münzen Baden-Württemberg ("Casas da Moeda Estatais de Baden-Württemberg")1998[41]
Bayerisches Hauptmünzamt ("Casa da Moeda de Baviera")1158[42]
Staatliche Münze Berlin ("Casa da Moeda de Berlín")1750[43]
Hamburgische Münze ("Casa da Moeda de Hamburgo")834[44]
Staatliche Münze Karlsruhe ("Casa da Moeda de Karlsruhe")1827[41]
Staatliche Münze Stuttgart ("Casa da Moeda de Stuttgart")1374[41]
ArxentinaSociedad Estatal Casa de Moneda ("Casa de Moeda da República Arxentina")1875[45]
AustraliaPerth Mint ("Casa da Moeda de Perth")1899[46]
Royal Australian Mint ("Real Casa da Moeda de Australia")1965[47]
AustriaMünze Österreich ("Casa da Moeda de Austria")1194[48]
BélxicaMonnaie Royale de Belgique / Koninklijke Munt van België ("Real Casa da Moeda de Bélxica")1291[49]
BrasilCasa da Moeda do Brasil1694[50]
BulgariaМонетен двор ("Casa da Moeda")1952[51]
CanadáRoyal Canadian Mint / Monnaie royale canadienne ("Real Casa da Moeda do Canadá")1908[52]
CasaquistánҚазақстан теңге сарайы ("Casa da Moeda de Casaquistán")1992[53]
ChequiaČeská mincovna ("Casa da Moeda de Chequia")1993[54]
ChileCasa de Moneda de Chile1743[55]
ChinaZhōngguó Yìnchāo Zàobì Zǒnggōngs ("Corporación Chinesa de Impresión e Cuñaxe de Moeda")1949[56]
CimbabueFidelity Printers and Refiners1966[57]
ColombiaCasa de Moneda de Colombia1621[58]
Corea do Sur한국조폐공사 - KOMSCO ("Corporación de Cuñaxe e Impresión de Seguridade de Corea")1951[59]
Costa RicaCasa de Moneda de Costa Rica1936[60]
CroaciaHrvatska kovnica novca ("Casa da Moeda de Croacia")1993[61]
CubaEmpresa Cubana de Acuñaciones[62]
DinamarcaDen Kongelige Mønt ("Real Casa da Moeda")1739[63]
EslovaquiaMincovňa Kremnica ("Casa da Moeda de Kremnica")1328[64]
EspañaFábrica Nacional de Moneda y Timbre - Real Casa de la Moneda1893[65]
Estados UnidosUnited States Mint - Washington ("Casa da Moeda dos EEUU")1792[66]
Philadelphia Mint ("Casa da Moeda de Filadelfia")1792
Denver Mint ("Casa da Moeda de Denver")1906
San Francisco Mint ("Casa da Moeda de San Francisco")1854
West Point Mint ("Casa da Moeda de West Point")1974
FilipinasBangko Sentral ng Pilipinas ("Banco Central de Filipinas")1993[67]
FinlandiaSuomen Rahapaja ("Casa da Moeda Finlandesa")1860[68]
FranciaMonnaie de Paris ("Casa da Moeda de París")864[69]
GreciaBank of Greece ("Banco de Grecia")1927[70]
HungríaMagyar Pénzverő ("Casa da Moeda de Hungría")1328[71]
IndiaIndia Government Mint -Bombai- ("Casa da Moeda do Goberno da India")1829[72]
India Government Mint -Calcuta- ("Casa da Moeda do Goberno da India")1757
India Government Mint -Hyderabad- ("Casa da Moeda do Goberno da India")1803
India Government Mint -Noida- ("Casa da Moeda do Goberno da India")1988
IndonesiaPerum Percetakan Uang Republik Indonesia ("Compañía de Impresión e Cuñaxe da República de Indonesia")1971[73]
Iránسازمان تولید اسکناس و مسکوک ("Organización de Impresión e Cuñaxe de Moeda")1877[74]
Iraqالبنك المركزي العراقي ("Banco Central de Irak")[75]
IrlandaCurrency Centre - Irish Mint ("Centro de Moeda - Casa da Moeda Irlandesa")1978[76]
IslandiaSeðlabanki Íslands ("Banco Central de Islandia")1961[77]
ItaliaIstituto Poligrafico e Zecca dello Stato ("Instituto Poligráfico e Ceca do Estado")1928[78]
LesotoCentral Bank of Lesotho ("Banco Central de Lesoto")1978[79]
LituaniaLietuvos monetų kalykla ("Casa da Moeda de Lituania")1990[80]
LuxemburgoLa Banque et Caisse d'Epargne de L'Etat ("Banca e Caixa de Aforros do Estado")[81]
MacauImprensa Oficial de Macau[82]
MalaisiaReal Casa de Moeda de Malaisia2000[83]
MéxicoCasa da Moneda de México1535[84]
NixeriaNigerian Security Printing and Minting Company Limited ("Compañía Nixeriana de Impresión e Cuñaxe")1963[85]
NoruegaDen Kongelige Mynt ("Real Casa da Moeda de Noruega")1686[86]
Nova ZelandiaNew Zealand Mint ("Casa da Moeda de Nova Zelandia")1967[87]
Países BaixosKoninklijke Nederlandse Munt ("Real Casa da Moeda dos Países Baixos")1567[88]
PaquistánPakistan Mint ("Casa da Moeda de Paquistán")1942[89]
PerúCasa Nacional de Moneda1565[90]
PoloniaMennica Polska ("Casa da Moeda de Polonia")1766[91]
PortugalImprensa Nacional-Casa da MoedaSéculo XIII[92]
Reino UnidoRoyal Mint ("Real Casa da Moeda")886[93]
Pobjoy Mint1965[94]
RomaníaMonetăria Statului ("Ceca do Estado")1870[95]
RusiaМосковский монетный двор ("Casa da Moeda de Moscova")1942[96]
Санкт-Петербу́ргский моне́тный двор ("Casa da Moeda de San Petersburgo")1724[97]
SerbiaZavod za izradu novčanica i kovanog novca Topčider ("Instituto para a Fabricación de Moedas e Billetes")1929[98]
Serra LeoaBank of Sierra Leone ("Banco de Serra Leoa")1963[99]
SingapurSingapore Mint ("Casa da Moeda de Singapur")1968[100]
SuízaSwissmint ("Casa da Moeda de Suíza")1848[101]
SuráfricaSouth African Mint ("Casa da Moeda de Suráfrica")1890[102]
Tailandiaสำนักกษาปณ์ ("Real Casa da Moeda")1860[103]
TaiwánCentral Mint ("Casa Central de Moeda")1920[104]
TurquíaDarphane ve Damga Matbaası Genel Müdürlüğü ("Dirección Xeral da Casa de Moeda e Timbre")1467[105]
UcraínaНаціональний банк України ("Banco Central de Ucraína")1998[106]
VaticanoUfficio Filatelico e Numismatico ("Oficina Filatélica e Numismática")1322[107]
VenezuelaCasa de la Moneda de Venezuela1802[108]
Xapón独立行政法人造幣局 - Dokuritsu Gyōsei Hōjin Zōheikyoku ("Ceca do Xapón")1871[109]
Xordaniaالبنك المركزي الاردني ("Banco Central de Xordania").1964[110]

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

Ligazóns externas