Capudre

especie de árbore

O capudre[1][2] ou cancereixo[1][2][3] (Sorbus aucuparia) é unha árbore de tamaño mediano da familia das Rosáceas que raramente pasa dos 15 metros, a súa distribución cobre toda Europa, de Islandia a Rusia e a Península Ibérica, tolerante ao frío pódese atopar en altitudes altas. Os seus froitos, semellantes a cereixas, son doces e acedos a un tempo, cun alto contido en vitamina C.

Etimoloxía

A Real Academia Galega só recolle o nome de cancereixo. Porén, noutros dicionarios recóllese o termo "capudre", e variedades dialectais coma capudrio, vocábulo que parece derivar dunha raíz indoeuropea, posibelmente do celta: triu, treow (árbore). Nalgunhas zonas tamén recibe os nomes de canfreixo, escornabois e cornabude[2][4], pero hai que ter en conta que estes dous últimos son tamén nomes comúns doutras especies[5].

Descrición

Arboriña caducifolia que acada os 15 m ou 20 m de altura. O toro é recto coa cortiza pardo cinsenta, gretada nos adultos. A copa é ampla de forma trasovada ou ovoide. As xemas son moi aveludadas. As follas dispóñense alternas ao longo das pólas, compostas e imparipinnadas, oblongas e de bordos serrados, presenta de 9 a 15 folíolos, cunhas dimensións de 2,5 a 6 cm, até 9 cm. As inflorescencias son hermafroditas e se producen en grandes corimbos terminais de 8 a 15 cm de diámetro con máis de 250 flores, cada unha derredor de 1 cm de diámetro con cinco pétalo branco-cremosos, que polinizan os insectos.

O froito, que chega entre setembro e outubro, é un pomo miúdo de entre 4 a 8 mm de diámetro, carnoso e de forma globosa de cor alaranxada brillante ou vermello coral, moi semellante á sorba mais do talle dunha cereixa; fican deica o inverno na árbore. Porén, existen tamén algunhas variedades rosadas, amarelas e albas entre as especies asiáticas. O froito é doce e acedo ao mesmo tempo, cun alto contido en vitamina C. Ademais son moles e zumarentos o que os fai doada comida para os paxaros, principalmente, o picoteiro (Bombycilla garrulus) e os merlos (coma a especie asiática Turdus dissimilis), que espallan posteriormente as sementes do cancereixo coas excrecións.

Usos

Os froitos do cancereixo empregáronse para a elaboración de marmeladas para combater o escorbuto, grazas ao seu contido en vitamina C, tres veces maior co das laranxas. Asemade descubriuse no século XIX que contiñan o azucre sorbitol, o que deu pé a súa obtención a partir de glicosa e a súa utilización na industria química para a fabricación de ácido ascórbico (vitamina C) ou coma humectante, estabilizante e adozante (E-420) en alimentos, cosméticos, produtos para diabéticos e goma de mascar. A partir da fermentación dos froitos prodúcese unha augardente que é a base do vodka dos países nórdicos.

A madeira, de gran dureza serviu para a realización de pezas expostas a un forte rozamento coma puntas de muíños ou fusos. Hai séculos, noutras zonas de Europa incluso chegou a substituír o teixo na fabricación de arcos.

Tamén se emprega en xardinaría. Nalgúns países as follas eran empregadas para curtir. En Galicia e Asturias a madeira empregouse desde tempos ancestrais para protexerse dos feitizos das meigas.

Distribución

Esténdese por toda Europa, dende Islandia até Rusia e a Península Ibérica. Atura ben o frío polo que adoita atoparse en altitude. En Galicia atópase nas montañas meridionais (Os Ancares, O Courel, Serra da Queixa, O Invernadeiro...), sendo máis escaso nas serras setentrionais.

Hábitat

Adoita aparecer illado nas carballeiras, bidueirais, faiais ou formando parte das fragas autóctonas europeas. Asóciase cos acivros e bidueiros. Normalmente medra nas abas frescas das montañas. Ascende até os 2000 m, preferindo os solos húmidos e con pouco cal.

Ecoloxía

É unha especie de importancia vital no mantemento das poboacións de animais en inverno ao serviren os seus froitos de alimento aos osos, raposos e outros animais, especialmente as aves coma os paporrubios, os tordos ou as pegas.

Tamén é empregado o cancereixo coma sustento das larvas dunha ampla gama de especies de lepidópteros.

Taxonomía

Froitos do capudre.

Sorbus aucuparia foi descrita por Carl von Linné e publicouse en Species Plantarum 1: 477, no ano 1753.[6]

Sinonimia
  • Aucuparia sylvestris Medik.
  • Mespilus aucuparia (L.) Scop.
  • Pyrenia aucuparia Clairv.
  • Pyrus aucuparia (L.) Gaertn.
  • Pyrus aucuparia var. typica (C.K.Schneid.) Asch. & Graebn.
  • Sorbus aucuparia var. typica C.K.Schneid.
  • Pyrus rossica A.D.Danilov
  • Sorbus altaica Koehne
  • Sorbus amurensis Koehne
  • Sorbus anadyrensis Kom.
  • Sorbus aucuparia var. typica C.K.Schneid.
  • Sorbus camschatcensis Kom.
  • Sorbus glabrata (Wimm. & Grab.) Hedl.
  • Sorbus moravica (Dippel) McAll., comb. inval.
  • Sorbus pohuashanensis (Hance) Hedl.
  • Sorbus pohuashanensis var. amurensis (Koehne) Y.L.Chou & S.L.Tung
  • Sorbus polaris Koehne[7]
  • Sorbus adsharica Gatsch.
  • Sorbus bachmarensis Gatsch.
  • Sorbus boissieri C.K. Schneid.
  • Sorbus boissieri var. adsharica Sosn.
  • Sorbus boissieri var. bachmarensis Sosn.
  • Sorbus caucasigena Kom. ex Gatsch.[8]

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

  • Cronquist, A. J., N. H. Holmgren & P. K. Holmgren. 1997. Vascular Plants of the Intermountain West, U.S.A., subclass Rosidae (except Fabales). 3A: 1–446. In A. J. Cronquist, A. H. Holmgren, N. H. Holmgren, J. L. Reveal & P. K. Holmgren (eds.) Intermount. Fl.. Hafner Pub. Co., Nova York.
  • Gleason, H. A. 1968. The Choripetalous Dicotyledoneae. vol. 2. 655 pp. In H. A. Gleason Ill. Fl. N. U.S. (ed. 3). New York Botanical Garden, Nova York.
  • Gleason, H. A. & A. Cronquist. 1991. Man. Vasc. Pl. N.E. U.S. (ed. 2) i–lxxv, 1–910. New York Botanical Garden, Bronx.
  • Hickman, J. C. 1993. Jepson Man.: Higher Pl. Calif. i–xvii, 1–1400. University of California Press, Berkeley.
  • Hitchcock, C. L., A. Cronquist, M. Ownbey & J. W. Thompson. 1961. Saxifragaceae to Ericaceae. Part III. 614 pp. In Vasc. Pl. Pacific N.W.. University of Washington Press, Seattle.
  • Hultén, E. 1968. Fl. Alaska i–xxi, 1–1008. Stanford University Press, Stanford.
  • Moss, E. H. 1983. Fl. Alberta (ed. 2) i–xii, 1–687. University of Toronto Press, Toronto.
  • Munz, P. A. & D. D. Keck. 1959. Cal. Fl. 1–1681. University of California Press, Berkeley.
  • Scoggan, H. J. 1978. Dicotyledoneae (Saururaceae to Violaceae). 3: 547–1115. In Fl. Canada. National Museums of Canada, Ottawa.
  • Voss, E. G. 1985. Michigan Flora. Part II Dicots (Saururaceae-Cornaceae). Bull. Cranbrook Inst. Sci. 59. xix + 724.
  • Welsh, S. L. 1974. Anderson's Fl. Alaska Adj. Parts Canada i–xvi, 1–724. Brigham Young University Press, Provo.
  • Zuloaga, F. O., O. Morrone, M. J. Belgrano, C. Marticorena & E. Marchesi. (eds.) 2008. Catálogo de las Plantas Vasculares del Cono Sur (Argentina, Sur do Brasil, Chile, Paraguay y Uruguay). Monogr. Syst. Bot. Missouri Bot. Gard. 107(1): i–xcvi, 1–983; 107(2): i–xx, 985–2286; 107(3): i–xxi, 2287–3348.