Capsicum annuum

especie de planta

Pementeira

Capsicum annuum in Franz Eugen Köhler, 1897
Clasificación científica
Reino:Plantae
División:Magnoliophyta
Clase:Magnoliopsida
Subclase:Asteridae
Orde:Solanales
Familia:Solanaceae
Subfamilia:Solanoideae
Tribo:Capsiceae
Xénero:Capsicum
Especie:'C. annuum'
Nome binomial
''Capsicum annuum''
L., Sp.Pl, vol.1, p.188, 1753 [1]

Capsicum annuum, chamada pementeira[1] ou pemento, é a especie máis coñecida, estendida e cultivada do xénero Capsicum (os pementos), da familia Solanaceae. Todas as innumerábeis formas, tamaños, cores e sabores dos seus froitos, descritos e nomeados na cultura popular, corresponden en realidade a esta mesma especie.

Flor.
Froito maduro in situ.
Sementes.

Esta especie é cultivada mundialmente, sendo orixinaria de Mesoamérica, onde foi domesticada hai máis de 6000 anos, e onde se atopan aínda variedades bravas, coma a coñecida popularmente alí co nome de chiltepín, chile soltero ou chile loco.

Descrición

Trátase dun arbustiño duns 80 cm até 1 m de alto. De talos glabrescentes ramificados con follas ovadas, pecioladas, solitarias ou por pares, de 4–12 cm por 1,5–4 cm de largo, tamén pubescentes, con marxes enteiras, base estreitada e ápice algo acuminado. As flores son solitarias ou en grupiños dunhas poucas, erectas ou algo pénsiles e nacendo no das follas co talo. O cáliz, persistente, é en forma de campá e enteiro, con 5-7 costelas principais arredondadas rematadas nun dente, xeralmente romo, e unhas cantas costelas secundarias. A corola, máis ben miúda (centimétrica), comporta 5-7 pétalos todos largamente soldados nas súas bases, de cor branca e finamamente denticulados nos seus bordos. As anteras son xeralmente purpúreas. O froito - que pode ter unha infinidade de formas - é unha baga oca con 2-4 tabiques incompletos que soportan as sementes, que son discoidais/espirais, moi comprimidas, duns mm de diámetro e de cor amarelenta. Florea de maio a agosto, e frutifica desde xullo deica novembro.[2][3]

Composición

Contén capsaicina (alcaloide responsábel do sabor picante dalgúns cultivares de pementos),[4] carotenos, capsorrubina, luteína, cobre e vitamina C en cantidade apreciábel, mais que se perde durante o eventual desecamento.[5]

Conservación do froito

O pemento adoita considerarse un froito non climatérico.[6][7] Presenta baixa produción de etileno e baixa sensibilidade a esta fitohormona.[8] As súas condicións óptimas de conservación son temperaturas de 7 a 10 °C e 95 a 98 % de humidade relativa.[8] Ten unha vida útil en postcolleita de 2 a 3 semanas.[8]

Usos

Alimentario

Os froitos empréganse tradicionalmente na cociña, inmaturos e maduros, crus, asados, cociñados, no forno, secos, en po etc., e isto no mundo enteiro dende a súa introdución desde América por Cristovo Colón.

Medicinal

  • Indicacións: é antihemorroidal (en baixa concentración), antirreumático, aperitivo, revulsivo, rubefaciente, adstrinxente, afrodisíaco, estomacal, carminativo.[3][5]

Taxonomía

Capsicum annuum foi descrita por Carl von Linné e publicada en Species Plantarum 1: 188–189. 1753.[9]

  • Ten un número cromosomático de 2n=24[10]

Capsicum: nome xenérico que deriva do vocábulo latino capsŭla, ae, ‘caixa’, ‘cápsula’, ‘arconcito’, a través da palabra grega kapsakes, co mesmo sentido, en alusión ao froito, que é un envoltorio case baleiro. En realidade, o froito é unha baga e non unha cápsula no sentido botánico do termo.

annuum: epíteto latino que significa “anual”.[11]

Variedade

Hai só unha variedade aceptada:

  • Capsicum annuum var. glabriusculum (Dunal) Heiser e Pickersgill.

Todos os innumerábeis táxones infraespecíficos creados, menos un (Capsicum annuum var. glabriusculum (Dunal) Heiser e Pickersgill), son sinónimos da especie.[12]

  • Véxase a listaxe de sinónimos de Capsicum annuum.

Cultivares

Téñense desenvolvido unha multitude de cultivares, máis ou menos estendidos, entre outros:

  • Hot Wax
  • Pepperoni
  • Punainen Chili
  • Bell Pepper (Paprika)
  • Cascabel
  • Chilaca
  • Guajillo
  • Xalapeño
  • Mirasol
  • Poblano
  • Purira
  • Serrano
  • Cayenne
  • De Árbore
  • Goat's Weed
  • Ollo de Paxaro
  • Thai
  • Rawit
  • Malawi Bird's Eye
  • Bolivian Rainbow
  • Bird's Eye Baby
  • NuMex Twilight
  • NuMex Centennial
  • Black Scorpion Tongue
  • Black Coban
  • Black Pearl
  • Mexican Cluster
  • Marbles
  • etc... etc...[13]

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas