Célula xustaglomerular
As células xustaglomerulares, tamén chamadas células granulares do ril, son un tipo de células especializadas que se atopan nos riles. Teñen a función de sintetizar, almacenar e secretar renina. A renina é un encima que forma parte do sistema renina-anxiotensina-aldosterona e exerce importantes funcións na regulación da presión arterial, o volume extracelular e a concentración de sodio e potasio no sangue. As células xustaglomerulares, xunto coa mácula densa forman a estrutura denominada aparato xustaglomerular.[1]
Función
As células xustaglomerulares segregan renina en resposta a tres tipos de estímulos:[2]
- Descenso da presión arterial da arteriola aferente.
- Estimulación do sistema simpático mediada por receptores adrenérxicos beta-1.
- Variacións na cantidade de NaCl que chega ao túbulo contorneado distal, detectadas polas células da mácula densa.
Tumor de células xustaglomerulares
O tumor de células xustaglomerulares, tamén chamado reninoma, é un raro tipo de tumor renal que se caracteriza pola produción de elevadas cantidades de renina, polo que provoca hipertensión arterial. [3]