Célula M

célula das paredes do intestino delgado

As células M ou células micropregadas son células que se encontran no epitelio asociado aos folículos linfoides das placas de Peyer das paredes do intestino delgado. Funcionan transportando microorganismos e partículas antixénicas desde a luz intestinal ás células inmunitarias das placas de Peyer a través da barreira epitelial, e deste modo son importantes para estimular a inmunidade nas mucosas.

A diferenza das súas células veciñas do epitelio intestinal, teñen a capacidade de tomar os antíxenos da luz intestinal por endocitose ou fagocitose, e cedelos por medio de transcitose ás células dendríticas das placas de Peyer (que son células presentadoras do antíxeno) e aos linfocitos T, situados nunha estrutura con forma de bolsa situada na súa membrana basolateral.

Estrutura e función

As células M distínguense dos enterocitos normais en que carecen de microvilli na súa superficie apical, pero no seu lugar presentan unha beira apical con micropregamentos que lle dan a estas células o seu nome. Estas células son moito menos abundantes cós enterocitos. As células M son facilmente accesibles para os antíxenos na luz intestinal para que estes poidan chegar ás placas de Peyer, debido a que non segregan mucus nin encimas dixestivos e a que teñen un glicocálix (capa extracelular de polisacáridos situada no bordo apical dos enterocitos) moi fina ou ausente.

Patoloxía

As células M son utilizadas por varios patóxenos, como as bacterias Shigella flexneri, Salmonella typhimurium, e Yersinia pseudotuberculosis, e polos prións infecciosos da encefalite esponxiforme bovina (mal das vacas tolas), como un modo de penetrar a través do epitelio intestinal.

Tamén son utilizadas por virus como o da polio e reovirus para a súa diseminación.[1]

Algunhas estirpes de VIH poden unirse ás células M e ser transportadas a través do epitelio intestinal para infectar aos linfocitos. O transporte require lactosil cerebrósido e o receptor CXCR4, que se expresan na zona apical das células M (e das células Caco-2 de cáncer de colon).[2]

Desenvolvemento

Os factores que promoven a diferenciación das células M aínda teñen que ser caracterizados, pero pénsase que estas células se desenvolven en resposta a sinais das células inmunitarias que se atopan nas placas de Peyer.[3]

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas