Academia Británica

academia de humanidades e ciencias sociais
(Redirección desde «British Academy»)

0°7′54″O / 51.50611, -0.13167

A Academia Británica (en inglés: British Academy) é a academia nacional do Reino Unido para as humanidades e as ciencias sociais, fundada en 1902 e merecedora da Carta Real (Royal Charter) no mesmo ano

Academia Británica
British Academy

Carlton House Terrace, sede da
Academia Británica


Información xeral
Formación1902
Sede central Londres
Inglaterra
Reino Unido Reino Unido
Orzamento60.727.817 £ (2019-2020)
Sitio web
Sitio web da Academia Británica.

A British Academy é unha organización benéfica autónoma, con sede nos números 10 e 11 de Carlton House Terrace, en Londres. Componse de máis dun milleiro de membros, destacados eruditos que abranguen todas as disciplinas das humanidades e das ciencias sociais, e é un organismo para o financiamento de proxectos de investigación en todo o Reino Unido.[1]

O seu financiamento baséase fundamentalmente nunha subvención anual do Departamento de Negocios, Innovación e Talento (BIS). No exercicio 2019-2020 dispuxo dun orzamento de 60.727.817 libras.[2]

Finalidade

A Academia actúa con cinco propósitos fundamentais:[3]

  • Defensa das humanidades e das ciencias sociais.
  • Investimento nos mellores investigadores e nas mellores investigacións.
  • Informar e enriquecer o debate arredor das principais cuestións sociais.
  • Asegurar o mantemento da colaboración e do compromiso internacionais.
  • Aproveitar ao máximo os activos da Academia para asegurar o seu mantemento no futuro.

Historia

Fachada principal da Academia Británica.

A creación dunha "academia británica para a promoción dos estudos históricos, filosóficos e filolóxicos" propúxose por vez primeira en 1899, para que Gran Bretaña puidese estar representada nos encontros académicos europeos e americanos. A organización, que desde aquel momento se coñeceu simplemente como a British Academy, iniciouse o 17 de decembro de 1901 como unha simple sociedade, que adquiriu a Carta Real do rei Eduardo VII o 8 de agosto de 1902.[4]

Desde entón, foron moitos os eruditos británicos da rama das humanidades e as ciencias sociais que participaron da vida da academia, entre eles John Maynard Keynes, Isaiah Berlin, C. S. Lewis e Henry Moore.

Ata a tempada 1927-1928, a Academia non tiña unha sede propia, e daquela instalouse nunhas salas no número e de Burlington Gardens. En 1968 trasladouse ata a veciña Burlington House e, posteriormente, ás proximidades de Regent's Park. Non foi ata 1998 cando a Academia Británica se instalou definitivamente na localización actual de Carlton House Terrace, nos números 10 e 11, con vistas a St James's Park. O edificio foi deseñado polo arquitecto John Nash e construíuse entre a década de 1920 e a de 1930. O número 10 foi anteriormente a residencia londiniense da familia Ridley e o número 11 foi, de 1856 a 1875, o fogar do primeiro ministro William Gladstone.[5][6]

Selo da Academia Británica, deseñado por Debbie Cook en 2008.

En marzo de 2010, a Academia comezou un proxecto de renovación e restauración das salas públicas do número 11, con orzamento de 2,75 millóns de libras, logo da saída do seu anterior inquilino, a Asociación da Prensa Estranxeira. Nesta operación, na que se uniron os dous edificio, completouse en xaneiro de 2011, e entre os novos espazos creados salienta o auditorio Wolfson, cunha capacidade de 150 asentos. O resto das instalacións componse de oficinas e diversas salas para conferencias e outros eventos da Academia.[7]

A historia, as vicisitudes e os logros da Academia Británica quedaron rexistrados en senllas obras de dous secretarios da institución; a de Frederic Kenyon, de 37 páxinas, cobre ata o ano 1951,[8] en tanto que a de Mortimer Wheeles abrangue entre os anos 1949 e 1968.[9]

Membros e seccións

O teólogo e poeta Rowan Williams, membro da Academia Británica.

A elección como membro da Academia Británica supón unha alta distinción académica en humanidades e ciencias sociais, baseada nos traballos de investigación publicados polo candidato. Ademais dos membros de pleno dereito (arredor de 1.000), necesariamente residentes no Reino Unido no momento do seu nomeamento, existen tamén os membros correspondentes (máis de 300), residentes noutros países pero cunha conexión coas investigacións levadas a cabo pola Academia, e, finalmente, os membros honoríficos (31 en 2021), caracterizados por realizar contribucións especiais aos propósitos da Academia.[1]

Todos os membros electos son encadrados nalgunha das seguintes seccións da Academia:[10]

Humanidades

Ciencias sociais

Labor internacional

Sede de Academia Británica en Roma.

Coa finalidade de promover os intereses da investigación e da aprendizaxe no Reino Unido por todo o mundo, a Academia Británica traballa na creación de redes e na colaboración internacional, de xeito que se aborde a investigación en humanidades e en ciencias sociais desde unha perspectiva global. Para isto, a Academia definiu sete áreas de traballo: África, China, Oriente Medio, Europa, Asia meridional, e Hispanoamérica e o Caribe.[11]

Ademais diso, a Academia Británica tamén financia e coordina unha rede de institucións estranxeiras que brindan experiencia local, apoio loxística e, con frecuencia, unha base de traballo para académicos do Reino Unido. Algúns destes institutos de investigación están en cidades como Amán, Ancara, Atenas, Xerusalén, Nairobi, Roma ou Teherán. Outras institucións destas redes están radicadas no Reino Unido e executan programas de investigación estratéxica noutras partes do mundo, como África, Hispanoamérica, e o sur e o sueste asiático.[12]

Eventos públicos

Coloquio na Academia Británica.

A British Academy organiza un amplo programa anual de máis de 50 conferencias públicas, paneis de discusión e seminarios acerca de novas investigacións e nos que se debaten temas de actualidade. Entre elas inclúense series de conferencias celebradas ao longo dos anos, como é o caso das Shakespeare Lectures, que teñen lugar anualmente desde 1911.[13]

A maioría destas actividades son de balde e teñen lugar na propia sede da Academia en Carlton House Terrace.[7]

Premios

Medalla presidencial da Academia Británica.

A Academia Británica outorga un total de 15 premios e medallas, a maioría deles de concesión anual:[14]

Medallas da Academia

O numismático Roger Bland, galardoado coa medalla presidencial da Academia Británica en 2016.
O numismático Andrew Burnett (esquerda), galardoado co premio Derek Allen 2020, da Academia Británica.
  • Medalla Presidencial da Academia Británica, creada en 2010 e outorgada ata a cinco receptores anuais que demostraran un "servizo destacado á causa das humanidades e das ciencias sociais".[15]
  • Medalla da Academia Británica, creada en 2013 e concedida a ata tres receptores anualmente "polos logros académicos históricos en calquera das disciplinas de humanidades e ciencias sociais apoiadas pola Academia".[16]

Outros premios

Presidentes da Academia Británica

Edward Maunde Thompson, segundo presidente da Academia Británica.

Esta é unha listaxe dos presidentes da Academia Británica desde a súa fundación en 1902:[33]

Publicacións

Naville, E. (1915). 'The text of the Old Testament'. Editado pola Academia Británica na serie Schweich Lectures on Biblical Archaeology.

As publicacións da Academia Británica organízanse nas seguintes series editoriais:[34]

Edición de charlas e conferencias

  • British Academy Original Paperbacks.
  • British Academy Occasional Papers.
  • Proceedings of the British Academy.[35]
  • Reissues of proceedings lectures.
  • Schweich Lectures on Biblical Archaeology.
  • Symposia.
  • Thank-Offering to Britain Fund Lectures.

Monografías

  • Archaeological reports.
  • British Academy Centenary Monographs.
  • Miscellaneous research publications.
  • Postdoctoral Fellowship Monographs.
  • Supplemental papers.
Haverfield, F. (1915). Roman Britain in 1914. Publicado pola Academia Británica na súa serie Supplemental Papers.

Series de investigación

  • Anglo-Saxon Charters.
  • Auctores Britannici Medii Aevi.
  • Classical and Medieval Logic Texts.
  • Corpus of Anglo-Saxon Stone Sculpture.
  • Corpus Signorum Imperii Romani.
  • Corpus vasorum antiquorum.
  • Corpus Vitrearum Medii Aevi.
  • Dictionary of Medieval Latin from British Sources.
  • Early English Church Music.
  • English Episcopal Acta.
  • Fontes Historiae Africanae.
  • Oriental and African Archives.
  • Oriental Documents.
  • Records of Social and Economic History.
  • Sylloge of Coins of the British Isles.
  • Sylloge Nummorum Graecorum.
  • Tabula Imperii Romani.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

  • Kenyon, F. G. (1952). The British Academy: The First Fifty Years. Oxford University Press.
  • Wheeler, R. E. M. (1970). The British Academy 1949-1968. Oxford University Press.

Outros artigos

Ligazóns externas