As Neves (filme)
As Neves é un filme galego de 2024 escrito e dirixido por Sonia Méndez. É un drama rodado en lingua galega e protagonizado por Andrea Varela, David Rodríguez Fernández, Antía Mariño e Lucía Veiga, xunto aos debutantes Xacobe Bruña Alonso, Irene Rodríguez Vence, Diego Caro, Santi Carmena Rico, Jenny Soto Romarís e Adriana Fernández Pazó. Estreouse de forma mundial no Festival de Málaga o 6 de marzo de 2024, e nos cines españois o 10 de maio de 2024, con distribución de Sideral Cinema.
As Neves | |
---|---|
Ficha técnica | |
Título orixinal | As Neves |
Director | Sonia Méndez |
Produtor | Pedro Hernández Santos, Nati Juncal Portas |
Guión | Sonia Méndez |
Intérpretes | Andrea Varela David Rodríguez Fernánde Antía Mariño Lucía Veiga |
Música | Anddy Bell |
Fotografía | Lucía C. Pan |
Montaxe | Juliana Montañés |
Distribuidora | Sideral Cinema |
Estrea | Festival de Málaga: 6 de marzo de 2024 10 de maio de 2024 |
Duración | 83 minutos |
Orixe | Galicia |
Xénero | Drama |
Recadación | 62.365,01 €[1] |
Na rede | |
Sinopse
As Neves é unha vila galega de montaña onde todos se coñecen. A noite de Entroido un grupo de adolescentes celebran unha festa e dróganse con cogomelos por primeira vez. Ao día seguinte espertan cun temporal de neve e a noticia de que Paula, unha das mozas da festa, desapareceu. Mentres, a vila queda incomunicada e cae Internet. Cada vez é máis urxente atopala. Iníciase unha investigación que causará un profundo cambio nas súas vidas e na súa relación co mundo.[2][3]
Personaxes
- Andrea Varela como Erea
- David Rodríguez Fernández como Manu
- Antía Mariño como Paula
- Xacobe Bruña Alonso como Diego
- Irene Rodríguez Vence como Sabela
- Diego Caro como Óscar
- Santi Carmena Rico como Breo
- Jenny Soto Romarís como Pomba
- Adriana Fernández Pazó como Bea
- Lucía Veiga como o Sarxento Portas
- Luísa Merelas como a avoa
- Xabier Deive como o pai
Produción
O 15 de decembro de 2022, anunciouse que a rodaxe da película As Neves, dirixida por Sonia Méndez na súa primeira longametraxe de ficción, comezaría na vila galega da Fonsagrada.[4] Para xaneiro de 2023, a película xa alcanzara a fase final da rodaxe.[5] O músico británico Andy Bell, anteriormente baixista de Oasis, compuxo a banda sonora para a película.[6]
Aínda que o orzamento total da cinta se descoñece, a longametraxe recibiu 302.892 euros procedentes das axudas xerais do ICAA, así como dous importes en axudas da Xunta de Galicia de 18.200 euros para a fase de desenvolvemento en 2019 e de 260.000 euros para a rodaxe en 2022.[7][8]
Lanzamento e promoción
En febreiro de 2024, anunciouse que As Neves tería a súa estrea mundial no Festival de Málaga o 6 de marzo de 2024, e Sideral Cinema programou a súa estrea en cines para o 10 de maio de 2024.[9][10] O 18 de abril de 2024 foi lanzado o tráiler final da película.
Foi preestreada na Fonsagrada, o lugar onde se rodou, xunto coa Pontenova.[11]