Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Apéndice.
Apéndice colgando do cego coas arterias.Situación do apéndice no aparato dixestivo.Válvula íleocecal e apéndice vermiforme.Corte transversal do apéndice con Enterobius (vermes nematodos) con tinguidura de hematoxilina-eosina.Apéndice vermiforme.
O apéndice vermiforme (ou apéndice cecal) é unha estrutura con forma de tubo pechado no extremo conectado ao intestino groso na zona do cego, a partir do cal se desenvolve embrioloxicamente. O apéndice está localizado preto da unión entre o intestino delgado e o groso.
O termo "vermiforme" significa "con forma de verme".
O apéndice é unha estrutura presente nos animais do grupo dos Euarchontoglires e evolucionou independentemente nos marsupiais diprotodontos e é moi variado en tamaño e forma.[1]
Como media o apéndice humano mide uns 11 cm de lonxitude pero pode variar entre os 2 e os 20 cm. O diámetro do apéndice é xeralmente de entre 7 e 8 mm. Está localizado no cuadrante inferior dereito do abdome, preto da fosa ilíaca.[2] Aínda que a posición no abdome da súa base é bastante constante, a uns 2 cm por debaixo da válvula ileocecal,[2] a localización do seu extremo pode variar desde estar situada por detrás do cego (retrocecal, 74% dos caos) [2] a estar na pelve ou ser extraperitoneal.
A parede do apéndice ten todas as capas típicas do intestino. Está engrosada pola gran cantidade de tecido linfoide que contén. A luz é angulosa. Carece de villi, pero ten criptas de Lieberkühn irregulares con algunhas células de Paneth e enteroendócrinas [3].
O apéndice humano considerouse tradicionalmente unha estrutura vestixial, aínda que isto actualmente é discutido. Unha estrutura vestixial é unha estrutura que perdeu todas ou moitas das súas funcións orixinais ao longo do proceso da evolución, aínda que puido adquirir outras funcións. O apéndice vermiforme considerouse o resto reducido do gran cego que se encontraba nos antepasados remotos dos humanos. Está xeralmente presente nos Euarchontoglires (superorde de mamíferos que inclúe a roedores e primates) e evolucionou independentemente en marsupiais diprotodontos, monotremas, e é moi diverso en canto á súa forma e tamaño.[4][5] O apéndice existe nos humanos e outros simios hominoideos e en diversos graos de desenvolvemento en varias especies de monos do Vello e Novo Mundo, pero non en todas.[6]
No cego, que se encontra nos tractos dixestivos de moitos herbívoros actuais, viven bacterias mutualistas que axudan aos animais a dixerir as moléculas de celulosa dos seus alimentos vexetais.[7] Como o ser humano non ten unha cantidade significativa desas bacterias no seu cego e practicamente non pode dixerir a celulosa,[8] o apéndice humano podería considerarse unha estrutura vestixial. Esta é a interpretación tradicional, que xa formulara Charles Darwin. Iso non quere dicir que non adquirira outras funcións distintas da orixinal principal, como pode ser a inmunitaria, xa que contén tecido linfoide. Nas seccións seguintes explícanse as funcións que se cre pode desempeñar o apéndice humano.[9] Porén, un estudo de 2013 non atopou correlación entre a dieta e a forma do cego co tamaño e presenza do apéndice. Segundo este estudo o apéndice debe ter un valor adaptativo para as especies independentemente da súa función dixestiva, e o seu tamaño está positivamente correlacionado co tamaño do cego, o que contradí boa parte da explicación dada por Darwin. O apéndice tería evolucionado nos distintos clados unhas 32 veces e teríase perdido 6 veces. Os autores indican que "a historia evoutiva desta estrutura anatómica actualmente non está resolta".[4]
Nos adultos o apéndice actúa como un dos tecidos linfoides do sistema linfático, concretamente do chamado GALT. Está comprobado que o apéndice é rico en células linfoides que loitan contra as infeccións, polo que colabora na función inmunitaria.[10] De todos modos, esta función non é esencial, xa que a extirpación do apéndice non produce unha perda da función inmunitaria nin efectos secundarios significativos [11]. En realidade, o apéndice simplemente colabora coa súa cota correspondente á función do sistrema linfático no seu conxunto, igual que o fan o resto dos tecidos linfáticos. A presenza de tecido linfoide nas estruturas cecais considérase un carácter ancestral.
O apéndice adulto, igual que outras partes do intestino, contén algunhas células enteroendócrinas. Tamén se suxeriu que o apéndice ten unha función endócrina nos fetos.[12] Nos apéndices de fetos de 11 semanas atópanse células endócrinas que poderían contribuír a mecanismos de control biolóxico (homeostáticos) durante o desenvolvemento prenatal.
Posible función do apéndice como lugar seguro para o mantemento da flora normal, desde onde se recupera en casos de diarrea.
Algúns científicos propuxeron recentemente que o apéndice pode conter colonias de bacterias protectoras que son beneficiosas para a función do colon humano.[13]
William Parker, Randy Bollinger, e colegas da Universidade de Duke propuxeron que o apéndice serve como refuxio para as bacterias beneficiosas da flora normal intestinal cando certas enfermidades eliminan ditas bacterias do resto do intestino.[13][14] Esta proposta baséase nunha nova comprensión de como o sistema inmunitario axuda ao crecemento da flora bacteriana beneficiosa,[15][16] en combinación con moitas características do apéndice, como a súa arquitectura, locaclización xusto debaixo da válvula por onde flúen os residuos e xermes procedentes do intestino delgado, e a súa asociación con grandes cantidades de tecido linfoide. Aínda que investigacións realizadas no Winthrop University-Hospital mostraron que os individuos co apéndice extirpado tiñan unha probabilidade catro veces maior de sufrir recorrencia de infección por Clostridium difficile,[17] outras investigacións mostraron que hai un grao significativamente maior de infección por C. difficile entre a xente con apéndice, e máis do 80% das infeccións teñen lugar en pacientes cun apéndice intacto [18].
Esta función de refuxio para as bacterias da flora intestinal pode ser útil en países sen unha sanidade moderna, onde a diarrea é prevalente.[14] A diarrea é unha causa importante de morte nos países en desenvolvemento económico, e puido ter sido unha importante presión evolutiva nas poboacións humanas no pasado.
As enfermidades máis comúns do apéndice humano son a apendicite e os tumores cancerosos.[19] O cáncer de apéndice supón 1 de cada 200 casos de tumores malignos gastrointestinais. En raros casos están presentes tamén adenomas.[20]
A apendicite é unha inflamación do apéndice. Produce dor no centro do abdome pouco localizado.[21] Consonte progresa a inflamación, a dor empeza a localizarse máis claramente no cuadrante inferior dereito, e o peritoneo empeza a inflamarse, orixinando peritonite. Aparece unha dor no chamado punto de McBurney, situado a 1/3 do camiño ao longo dunha liña que vaia desde a espiña ilíaca superior anterior ao embigo. A febre e a resposta inmunitaria caracterizan tamén á apendicite.[21]
O tratamento habitual da apendicite require a extirpación do apéndice inflamado ou apendicectomía por laparotomía ou laparoscopia. Se non e trata pode romper orixinando peritonite, seguida de shock e, se non se trata rapidamente, a morte.[21][22].
O apéndice utilízase para a construción dun conduto urinario eferente nunha operación cirúrxica denominada procedemento de Mitrofanoff,[23] que se realiza a pacientes con vexiga neuroxénica.