Anser

xénero de aves

Anser é un xénero de aves anseriformes da familia dos anátidos e subfamilia dos anserinos coñecidos vulgarmente como gansos (aínda que hai outros gansos que pertencen a outros xéneros, como o ganso de Exipto, do xénero Alopochen, e varias especies do xénero Branta).

De dúas das súas especies, Anser anser e Anser cygnoides, derivan varias razas domésticas.

Especies

O xénero Anser inclúe, segundo Peterson, 11 especies e diversas subespecies:[2]

Pero outros autores consideran só as sete primeiras arriba indicadas,[3] mentres que as tres últimas considéranas como pertencentes ao xénero Chen, e non consideran como especie a Anser serrirostris Swinhoe, 1871, que sería unha subespecie de Anser fabalis.[4]

Gansos domésticos

Ganso doméstico.
Grupo de gansos domésticos, un deles un ganso de Guinea, e os outros, híbridos.

A domesticación dos gansos data da antigüidade. Hai evidencias arqueolóxicas de que tal proceso comezou no Antigo Exipto hai uns 5 000 anos.[5]

Os gansos domésticos de hoxe día descenden todos de dúas especies: as razas do oeste de Europa, do ganso bravo (Anser anser), e as razas asiáticas do ganso cisnoide ou ganso chinés (Anser cygnoides).

Estes dous parentes salvaxes dos gansos domésticos son orixinarios das zonas temperadas do hemisferio norte. O ganso bravo, o máis meridional dos gansos que se reproducen en Europa, conservouse polo ser humano desde a época do neolítico. É o antepasado da maior parte das razas europeas de gansos.

O ganso cisnoide é orixinario da China e Mongolia. A pesar que foi domesticado hai uns 3 000 anos, en estado salvaxe segue a ser unha das especies de aves acuáticas subárticas menos estudadas.

A diferenza das galiñas, os gansos teñen a gran vantaxe de poderen ser criados unicamente a partir de proteínas procedentes das herbas. Os gansos teñen tendencia a consumir máis alimento do que necesitan, tendencia que foi explotada durante longo tempo tanto para a súa engorda como para facelos demasiado pesados para voaren.

Debido a que os gansos domesticados se reproducen libremente cos individuos salvaxes cando se encontran, a domesticación non resultou na creación de razas diferenciadas.[6]

O ganso chinés pode ser facilmente distinguíbel do europeo pola presenza dunha protuberancia na base do peteiro, aínda que os híbridos entre ambas as especies poden presentar unha gradación para a presenza e o tamaño da protuberancia.[7]

Os gansos domésticos foron seleccionados para ter un maior tamaño corporal que os seus parentes silvestres. Así, o ganso doméstico pode pesar até 10 kg, mentres que os silvestres chegan só até os 3,5 ou 4,1 kg, segundo as especies.[8] Este incremento no tamaño corporal afectou tamén á estrutura xeral do corpo, de modo tal que mentres que os gansos salvaxes teñen unha postura horizontal do tronco e o extremo posterior delgado, os gansos domésticos —ao depositaren gran cantidade de graxa cara á cola— presentan un extremo posterior máis gordo e pesado, o que os obriga a ter unha postura máis vertical. Ademais, esta característica tamén impide que os gansos domésticos poidan voar.[8]

Durante a domesticación tamén foron seleccionados para que incrementaran a súa fecundidade. De feito, as femias dos gansos domésticos poñen até 160 ovos por ano, mentres que as especies de ganso silvestre só poñen de 5 a 12.[5][8]

Os cambios na cor da plumaxe, porén, foron variábeis. Algúns foron seleccionados para perder os tons castaño escuro característicos da ave silvestre, o que deu como resultado animais completamente cubertos de plumas brancas (como o da fotografía arriba). Outros reteñen unha cor da plumaxe similar á das especies orixinais, como o ganso de Tolousse.[5]

Comparación entre os gansos silvestres e os domésticos
Anser cygnoidesAnser anser
Ganso salvaxeGanso chinésGanso salvaxeGanso doméstico
Postura horizontal
coa parte posterior delgada
Postura vertical
coa parte posterior grosa
e unha carúncula na base do bico
Tronco menos fino, e coxas grosas

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

  • Carboneras, Carles; del Hoyo, Josep; Elliot, Andrew & Sargatal, Jordi (1992): Family Anatidae (Ducks, Geese and Swans) Handbook of the Birds of the World. Volume 1. Barcelona (España):Lynx Edicions. ISBN 84-87334-10-5.

Outros artigos

Ligazóns externas