Alice B. Toklas

escritora estadounidense

Alice Babette Toklas, nada en San Francisco (California) o 30 de abril de 1877 e finada en París o 7 de marzo de 1967, foi a parella, compañeira e confidente de Gertrude Stein.

Infotaula de personaAlice B. Toklas

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento30 de abril de 1877 Editar o valor em Wikidata
San Francisco, Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Morte7 de marzo de 1967 Editar o valor em Wikidata (89 anos)
París, Francia Editar o valor em Wikidata
Lugar de sepulturaCemiterio do Père-Lachaise, 94 48°51′38″N 2°23′58″L / 48.86063, 2.39953
Grave of Gertrude Stein (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEstados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de Washington Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónescritora , autobiógrafa , memorialista Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Obra
Obras destacables
Familia
ParellaGertrude Stein (1907–1946) Editar o valor em Wikidata

BNE: XX1137456 Discogs: 3883765 WikiTree: Toklas-1 Find a Grave: 1451 Editar o valor em Wikidata

Traxectoria

Primeiros anos

Alice B. Toklas naceu en San Francisco nunha familia polaca xudía de clase media. O seu avó paterno era rabino,[1] cuxo fillo Feivel (habitualmente coñecido como Ferdinand) Toklas se mudara a San Francisco en 1863. En 1876, Ferdinand Toklas casou con Emelia Levinsky e tiveron dous fillos, Alice e o seu irmán Clarence Ferdinand (1887-1924).

En 1890 a familia Toklas mudouse a Seattle, onde o seu pai era socio de Toklas, Singerman and Company. Toklas asistiu a escolas de Washington, incluído Mount Rainier Seminary, e durante un breve período estudou música na Universidade de Washington. Cando a súa nai enfermou, a familia volveu a San Francisco. A súa nai morreu en 1897, con 41 anos.

Relación con Gertrude Stein

Cinco meses despois do devastador terremoto de San Francisco de 1906, Toklas deixou a cidade e marchou a París. Coñeceu a Stein en París o 8 de setembro de 1907, xusto o día que chegou á cidade. Xuntas formaron un grupo que atraeu a xeración de expatriados norteamericanos, como Ernest Hemingway, Thornton Wilder e Sherwood Anderson, así como pintores representativos do movemento de vangarda, como Picasso, Matisse e Braque.

Para Stein, Toklas foi a súa confidente, amante, cociñeira, secretaria, musa, editora, crítica e administradora, mais mantívose fóra dos focos, vivindo baixo a sombra de Stein durante moitos anos ata que Stein publicou as súas memorias en 1933 baixo o título The Autobiography of Alice B. Toklas. Este converteuse no maior éxito de vendas de Stein.[2] Ambas pasaron o resto das súas vidas xuntas, ata o pasamento de Stein.[3]

Despois de Stein

Logo da morte de Gertrude Stein en 1946, Toklas publicou o seu propio libro de memorias en 1954 nun volume que mestura episodios da súa vida con receitas, titulado The Alice B. Toklas Cookbook. A receita máis célebre que contén o libro (unha contribución do seu amigo Brion Gysin) chámase "Fudge de haxix", e é unha mestura de froitas, noces, especias e marihuana. Esta receita provocou que frecuentemente se chamase "brownie de Alice B. Toklas" os pasteis que se fan mesturando cánnabis nos ingredientes.

Este libro de receitas continuouse a editar dende que apareceu por primeira vez. A receita aparece na primeira edición e na edición británica do libro, mais foi eliminada nas impresións posteriores.[4] En 1958 apareceu un segundo libro de receitas, mais Toklas non o consideraba como da súa autoría xa que o editor Poppy Cannon, da revista House Beautiful, o editara e modificara considerablemente. Ademais destes libros, Toklas tamén escribiu artigos para os diarios The New Republic e The New York Times.

En 1963 publicou a súa autobiografía, What Is Remembered, que remata abruptamente coa morte de Gertrude Stein, asentando así o feito de que Stein foi o amor da súa vida. Os seus anos de vellez foron difíciles debido á deterioración da súa saúde e aos problemas financeiros. Estes agraváronse polo feito de que os herdeiros de Stein lle quitaran as pinturas que lle deixara á súa morte. Máis tarde, Toklas converteuse ao catolicismo.

Cando faleceu, Toklas tiña 89 anos e foi enterrada no cemiterio do Père-Lachaise en París.[5] O seu nome foi gravado na parte posterior da tumba de Stein.[6]

Legado

I Love You, Alice B. Toklas, filme protagonizado por Peter Sellers estreado en 1968, recibe o seu nome polos brownies de cánnabis de Toklas, que teñen un papel significativo no argumento.

O Alice B. Toklas LGBT Democratic Club é unha organización política fundada en San Francisco en 1971.

Samuel Steward, que coñeceu a Toklas e Stein na década de 1930, editou Dear Sammy: Letters from Gertrude Stein and Alice B. Toklas (1977), e tamén escribiu dúas novelas de misterio con Stein e Toklas como personaxes, Murder Is Murder Is Murder (1985) e The Caravaggio Shawl (1989).

O San Francisco Board of Supervisors votou en 1989 renomear un bloque de Myrtle Street entre Polk Street e Van Ness Avenue en San Francisco como Alice B. Toklas Place, xa que Toklas naceu a un bloque de distancia de O'Farrell Street.[7][8]

Toklas foi interpretada por Wilfrid Brambell no filme sueco de 1978 The Adventures of Picasso, por Linda Hunt no filme de 1987 Waiting for the Moon;[9] por Alice Dvoráková na serie de televisión de 1993 The Young Indiana Jones Chronicles[10] e por Thérèse Bourou-Rubinsztein no filme de 2011 Midnight in Paris.[11]

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas