Aftonbladet

Aftonbladet (en galego: A Folla da Tarde) é un xornal vespertino sueco, de tendencia socialdemócrata e sensacionalista, con sede en Estocolmo.

Aftonbladet
PeriodicidadeDiario
FormatoTabloide
SedeArenavägen 63,, Estocolmo
Fundación6 de decembro de 1830 (190 anos)
FundadorLars Johan Hierta
DirectoraLena K. Samuelsson[1]
ISSN1103-9000[Ligazón morta]
Sede do xornal en Estocolmo

Historia

Lars Johan Hierta, fundador do Aftonbladet

Fundado en 1830, por Lars Johan Hierta, un influente político sueco e empresario, pronto destacou polas súas críticas ao rei Carlos XIV Xoán. Foi así que o Aftonbladet foi censurado en numerosas ocasións, circulando ás veces co nome de "Det Andra Aftonbladet" (A segunda folla da Tarde) mais mantendo o mesmo estilo, ata ser finalmente autorizado polo rei.[2]

O longo dos seus case douscentos anos de historia, o xornal mantivo diferentes liñas editoriais. Comezou sendo unha cabeceira liberal, para ser logo conservador entre 1890 e 1921.

En 1929, o xornal foi adquirido pola familia Kreuger, vencellada á produción de tabaco. Favorable ao goberno de Per Albin Hanson, primeiro ministro socialdemócrata, en 1932, logo retomou os postulados liberais e durante a segunda guerra mundial, simpatizou co exército alemán ata 1943 por influencia dos intereses nazis.[3]

En 8 de outubro de 1956, a familia Kreuger vendeu o xornal a Confederación Sueca de Sindicatos asumindo unha liña editorial progresista favorable aos socialdemócratas. Logo dunha redución nos números da súa circulación, na década de 1960 ascendería ata unha tiraxe de 507.000 exemplares.

Na década de 1990 o xornal atravesou unha situación de crise que levou a que a Confederación Sueca de Sindicatos vendera o 49.9% do capital social ao grupo de medios de comunicación noruegués Schibsted en 1996, conservando, a central sindical, o control da liña editorial como accionista maioritario. Un ano máis tarde logrou ser o xornal sueco máis vendido polo de superar ao conservador Expressen e a principios do século XXI era o líder de toda a prensa escrita escandinava.[4] É considerado un xornal sensacionalista polos enfoques que fai de determinadas noticias e polo seu énfase nas cuestións deportivas e a prensa do corazón. En 2009, Schibsted mercou o 91% do accionariado, conservando a Confederación Sueca de Sindicatos o 9%.[5]

Ademais do xornal impreso, conta con sitio web do Aftonbladet dende 1994, sendo unha das páxinas máis visitadas de Suecia e ten unha canle de televisión, Aftonbladet TV7.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas:

Sitio web do xornal Aftonbladet (en sueco)